GaliciaSkills 2025. 8º Campionato Galego de Formación Profesional

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca o 8º Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2025, que se celebrará no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca durante os días 29, 30 e 31 de outubro de 2025.

GaliciaSkills 2025 é unha iniciativa clave para a promoción da Formación Profesional, cuxo obxectivo é incrementar a súa visibilidade e proxección dentro da nosa comunidade, destacando a súa relevancia para o desenvolvemento profesional e empresarial.

Este é un campionato eminentemente práctico que consiste no desenvolvemento de competicións relacionadas coas distintas especialidades de Formación Profesional, nas que o alumnado participante porá a proba as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos vinculadas a súa área de formación.

Nesta edición convócanse un total de 42 modalidades de participación:

  • 29 modalidades de competición.
  • 9 modalidades de demostración.
  • 4 modalidades destinadas a alumnado de programas formativos básicos de Colexios de Educación Especial (CEE).

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que impartan ensinanzas de formación profesional durante o curso 2024-2025.

O alumnado competidor debe ter un máximo de 21 anos cumpridos a 31 de decembro de 2025, excepto nas modalidades de Mecatrónica, Sistemas robóticos integrados, Ciberseguridade e Fabricación aditiva, nas que poderán ter un máximo de 24 anos cumpridos nesa mesma data.

Os centros que queiran participar deberán presentar unha solicitude por cada modalidade, cubrindo o formulario de inscrición, que estará dispoñible ata o 14 de marzo de 2025.

 

Contacto:

 

Etiquetas: