Oferta cursos AFD

No marco do acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ofértanse as accións formativas do Plan Formativo para o emprego (cursos AFD).

Estas accións formativas son programas de Formación Profesional orientados á obtención dun certificado profesional co obxectivo de proporcionar ás persoas traballadoras desempregadas as habilidades, as ferramentas e o coñecemento necesario para mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras que poden participar nelas.

Oferta de cursos AFD para o ano 2024

As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

Está aberto o prazo de inscrición. Para máis información e para coñecer as prazas dispoñibles consulte na oficina de Emprego máis próxima ou póñase en contacto con calquera centro educativo no que se oferte algún dos cursos AFD.

Persoas destinatarias

  • Persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia. Neste grupo inclúense as persoas traballadoras fixas descontinuas nos períodos de non ocupación.
  • Persoas traballadoras ocupadas, ata un límite do 30% do número de persoas participantes programadas.
  • Persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego, suspensións dos contratos de traballo ou as reducións de xornada, por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ou derivadas de forza maior.
  • Persoas demandantes de servizos previos ao emprego, nos termos que establezan os instrumentos de coordinación do Sistema Nacional de Emprego, concretamente a Comisión de Coordinación e Seguimento (CCS) e o Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE).

Requisitos de acceso

Os certificados profesionais están organizados segundo o seu nivel (1, 2 ou 3). En base a isto, establécense os seguintes requisitos de acceso:

  • Nivel 1
    • Sen requisitos académicos, pero é necesario ter habilidades comunicativas suficientes.
  • Nivel 2
    • Graduado/a de Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente.
    • Certificado profesional de nivel 2.
    • Certificado de competencia incluído na oferta a realizar.
    • Certificado profesional de nivel 1 da mesma familia profesional.
    • Probas de acceso de FP de grao medio ou superior. Competencias clave de nivel 2 ou superior.
  • Nivel 3
    • Título de Técnico/a ou Técnico/a superior, de Bacharelato ou equivalente a efectos de acceso.
    • Certificado profesional de nivel 3.
    • Certificado de competencia incluído na oferta a realizar.
    • Certificado profesional de nivel 2 da mesma familia profesional.
    • Probas de acceso de FP de grao superior. Competencias clave de nivel 3.
Etiquetas: 
Tema: