Skip to Content

Alerta verde! Chegan as Brigadas ECOlóxicas

O pasado venres 13 de decembro o alumnado de 1º ESO participou na primeira fase do programa educativo Brigadas ECOlóxicas, que organizan a Concellería de Educación e a OMIX do Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía do IES Soutomaior.

Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado do centro a través diversas accións e iniciativas. Esta 1ª sesión alternou contidos e dinámicas que achegaron o alumnado á problemática do cambio climático, ás súas causas e ás accións que se poden levar a cabo para combatelo. Ao finalizar, explicáronse as seguintes fases do proxecto e animouse aos alumnos para participar nas seguintes actividades: 

  • 2ª fase: os xoves 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar un taller creativo no Multiúsos de Arcade. Nel, o alumnado dará vida aos residuos máis habituais nun centro educativo confeccionando traxes e disfraces, humanizando os restos e reforzando a reflexión sobre a orixe e o uso que as persoas damos a eses desperdicios
  • 3ª fase: a partir do 20 de xaneiro, os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES de Soutomaior. A través de campañas de concienciación entre os seus compañeiros, da repartición de bolsas de papel na cafetaría e doutras actividades, o alumnado visualizará o impacto ambiental que temos no noso centro educativo e fomentará medidas para reducilo.

Por último, cabe destacar que o programa se completa coa achega de novos materiais por parte do Concello. Ademais do composteiro instalado recentemente no IES, en breve contaremos cunha illa completa de recollida selectiva de residuos para o uso exclusivo do centro.



book | by Dr. Radut