Skip to Content

Ata sempre compañeira

Begoña, a perda dunha amiga, dunha nai, dunha filla, dunha compañeira de vida, fere cunha dor intensa, que aparece en escena cando non hai palabras que poidan pechar a ferida.

Mais, ti sabes, como boa coñecedora do pensamento das mulleres e dos homes ao longo da historia, que ao igual que nos preguntamos sobre o sentido e a orixe da vida tamén sabemos que a morte debe ter un lugar. É unha verdade núa, que nos doe moito, pero estamos seguros de que ti conseguiches contruir un lugar en nós para lembrarte.

É un lugar resplandecente, que nos quenta e nos acariña, que coma o primeiro día no que entraches pola porta do instituto nos ilumina co teu sorriso contaxioso, coa túa alegría, cos afectos e co tempo e as palabras xenerosas que nos dedicaches. Pechamos os ollos e nos corredores deste lugar sentimos o repenicar dos teus zapatos e todos, todas, profesorado e alumado, persoal non docente, sentimos algo moi bonito. Como a ti che gustaría.

Nese lugar emerxes coma Perséfone, a que mantivo o equilibrio das plantas e fixo florecer os campos. Aquela que deixa atrás a penumbra a onde a levou Hades e regresa para que a memoria floreza alegre e brillante cando te lembramos.

Así faremos o que a ti che gustaría: abrir os ollos, sorrir, amar e seguir.

Parafraseando á poeta:

O infinito conmóvenos e vivimos na túa morte

a ledicia de non perderte

para sempre

mentres a herba medre

mentras a herba medre.

(Olga Novo)

                             

 

 



blog | by Dr. Radut