Skip to Content

Programación da Semana das Letras Galegas 2022

Hoxe deu comezo a Semana das Letras Galegas no IES de Soutomaior cun programa no que se combinan a música, o audiovisual, a poesía, a muller, o teatro, os medios, exposicións, mocidade, presente e futuro... en galego! 

O Equipo de Normalización Lingüística organizou, en colaboración con diferentes departamentos do centro, un intenso calendario de actividades culturais e formativas que podedes coñecer máis polo miúdo neste tríptico.

A estrea veu da man de Eva González, directora de Polas bravas!, un documental da Asociación AVINZA GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural de Allariz) que retrata feitos e sentimentos de mulleres do rural ourensán, que achega a súa visión íntima e profunda sobre a vida, así como unha reflexión sobre os diferentes xeitos de gañar a vida no campo.

"E vós, sodes do rural? Sentídesvos do rural?". Estas foron as preguntas deron paso ao coloquio. E a resposta non é sinxela. Os nosos modos de vida, os nosos labores cotiáns, a maneira de relacionármonos coa comunidade, etc. responde a patróns e hábitos máis urbanos ou podemos dicir que o mundo rural xa non persiste como era tempo atrás en Soutomaior.  

Esta e outras cuestións relacionadas centraron o coloquio coa autora dun documental que pon en valor o traballo de seis mulleres que emprenderon negocios que lle dan vida, e un sentido económico sostible, ao rural. Combinar os coidados da familia, os labores agrícolas e gandeiros e o traballo fóra da casa tamén están presentes en todo o documentario.

Moitas grazas por amosar o voso traballo e polas reflexións, Eva! Queda pendente para máis adiante coñecer máis polo miúdo o proxecto Carabuñas.



blog | by Dr. Radut