Skip to Content

24 de outubro: Día das Bibliotecas no Mes da Biblioteca Escolar

Que é para tí a biblioteca?:

Celebra o día e o mes da nosa festa contestando a esta pregunta. Coas respostas encheremos un mural.

Anímate e participa!

Aproveitemos tamén para ler o pregón que para esta xornada elaborou o presidente da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, José María Gutiérrez de la Torre:
     Vinde, vinde todos! Bebés e nenos, rapaces e rapazas, novos e adultos de todas as orixes, de  todas as idades e de toda condición. Vinde á Biblioteca! Entrade neste inmenso e fermoso xardín, multicolor e polifónico, onde crecen as máis fermosas flores da cultura humana: todo o que sabemos e todo o que imaxinamos os seres humanos, as crónicas e os soños, as batallas e os carnavais, as festas e os loitos... todo está aquí recollido e ben clasificado nos seus estantes, accesibles para que vós gocedes do pracer da lectura.

    Entrade con alegría pero con respecto. Percorrede as súas amplas avenidas con vizosos arboredos, os seus acolledores sendeiros bordeados de exuberantes roseiras coas máis  fermosas rosas, deambulade polas pequenas vereas que vos levarán a escondidos recantos onde crecen plantas raras pero de deliciosas flores. Atoparédesvos alí con outras moitas persoas amigas que, como vós, gozan das fermosas palabras, das suxestivas imaxes, dos evocadores sons.

    Entrade e valorade o traballo destes xardineiros esforzados, homes e mulleres responsables da Biblioteca: eles regan a sabedoría do sementado nos seus estantes, podan con coidado as horas de silencio, removen a terra do pensamento con recomendacións e propostas, fertilizan a imaxinación con actividades inesperadas... e sempre, sempre, están aí, baixo o sol abrasador e baixo a chuvia, esperando que as palabras florezan, e que nós sexamos portadores das sementes que aventan cada día as páxinas dos libros que atesoura a súa biblioteca. Aprendede deles o amor polos libros e montade na vosa casa a vosa propia biblioteca: por moi pequena e modesta que sexa será o voso xardín e encheravos de fragancias, de suxestións, de ideas, de sensacións, que vos farán sentirvos cheos de gratitude, próximos a esas persoas, escritores e ilustradores, que contaron belas historias para vós, de creadores que vos falaron do seu mundo, de todos os mundos, para que vós vos atrevades a mirar todos os horizontes y, ao facelo, tamén vos atrevades a mirar dentro de vós mesmos para buscar os vosos máis íntimos sentimentos, os vosos valores máis auténticos.

    Vinde hoxe e vinde todos os días que vos sexa posible a este fermoso xardín sempre florido, sempre acolledor, sempre pleno de sabedoría, de pracer, de solidariedade, de respecto, de beleza...
Mil primaveras máis para as bibliotecas!


page | by Dr. Radut