Skip to Content

Outubro 2023

Tempo de lecturas de defuntos

En tempo de Defuntos, lecturas de Defuntos!

Preme sobre as etiquetas da segunda diapositiva para acceder aos textos.

Preme sobre as caras dos autores, na terceira diapositiva, para acceder ás súas biografías.

Preme sobre as portadas, na cuarta diapositiva, para acceder a distintos materiais sobre as obras.

Data: 
Ven, 27/10/2023 - 10:44

Un violonchelo na biblioteca de Saraievo

      En 1992 a foto do músico Vedran Smailović (Saraievo, 1956), tocando o Adagio atribuído a Albinoni co seu violonchelo entre os cascallos da biblioteca de Saraievo dou a volta ao mundo;

era a súa particular homenaxe ás 22 persoas que foron asasinadas cando facían cola para recibir pan en maio dese mesmo ano.   Elas e o propio edificio da biblioteca foron unhas vítimas máis do conflito dos Balcáns. Ironicamente moitos dos autores do acto vandálico de destrución da biblioteca eran habituais usuarios dela, o mesmo responsable de ordenar a súa destrución fora profesor de literatura da Universidade de Saraievo e amaba a poesía de Shakespeare.
    Para non esquecer ese masacre cultural e reivindicar o papel das bibliotecas como salvagardas da cultura humana, instaurose, dende o ano 1997, a data do 24 de outubro como o Día Internacional das Bibliotecas.
    O perseguimento que chega incluso a destrución física dos soportes materiais e humanos do coñecemento (a queima de libros ou a aniquilación de significados persoeiros do mundo cultural, por exemplo) é unha desgraciada constante histórica.
    Mentres tecleamos estas liñas algúns lugares do noso planeta, de xeito especial aqueles que viven  a cotiandade da extrema violencia (Ucraína, Próximo e Medio Oriente, Etiopía...) están a sufrir unha espoliación cultural que os empobrece e nos empobrece porque no mundo globalizado que vivimos nada nos pode ser alleo.
    Quixeramos contradecir ao comediógrafo latino Plauto que na Asinaria (acto II, escena IV v.  89) escribiu: “Lupus est homo homini” mais a contumaz realidade obríganos a darlle a razón.

Vedran Smailović tocando o violonchelo nas ruínas da biblioteca de Saraievo. Foto de Mikhail Evstafiev

    Din que a música amansa as feras. Nesta nova Xornada Internacional das Bibliotecas, tezamos redes para que os acordes do violonchelo de Vedran Smailović  e de todos os instrumentos musicais do mundo amansen á fera que levamos dentro, eliminando o afán destrutor da cultura en todas as súas formas e  que non teñamos que vivir nas tebras da ignorancia, magnífico caldo de cultivo da irracionalidade, o rancor e o fanatismo.

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 03:14

Que din das bibliotecas? (Palabras de biblioteca)

Preme sobre os nomes e accede a distintos textos que falan sobre as bibliotecas:

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 15:07

"Tecendo comunidades": o lema da presente edición do Día das Bibliotecas

    O lema deste ano para o Día das Bibliotecas, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñamos as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. As bibliotecas somos centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.
    As bibliotecas non somos só lugares cheos de libros: somos corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, somos espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizamos todas as bibliotecas españolas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos nosos usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.
    Imaxinamos as bibliotecas como uns teares onde se ganduxan relacións e coñecementos, onde se anuda o sentido de pertenza. "Tecendo Comunidades" salienta esta importante función social das bibliotecas, que dan forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o crecemento persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferenzas e similitudes únense, mostrando a diversidade e riqueza das nosas comunidades.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2023/presentacion.html

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 12:44

XUNTANZA VOLUNTARIADO E CLUBS

 

 O pasado día 2 de outubro tivemos o primeiro xantar co voluntariado e participantes das distintas seccións dos clubs de lectura para organizar o curso.

Non puidemos quedar a totalidade dos membros pero aínda así eramos máis de 50!

 

 

 

 

 

 
   

 

 

 

Data: 
Xov, 19/10/2023 - 11:17

Mollándonos na lectura

O pasado martes, 17 de outubro, a climatoloxía adversa non foi quen de impedir a nosa primeira, neste curso, xuntanza oficial do club de lectura de adultos.
A sesión, duns noventa minutos, dividiuse en dúas partes.
Na principal abordamos distintos aspectos de A muller xabaril: contextualización da novela dentro da obra e das lembranzas da autora; visionado dunha entrevista con Fina Casalderrey; tratamento non tanto da muller concreta Adelina Franco como da muller en xeral vítima do desprezo, o maltrato, a incomprensión ou os aldraxes; o papel da familia da protagonista e das circunstancias históricas vividas; o comportamento de Ramiro; o maxistral uso do xénero epistolográfico no desenvolvemento da estrutura narrativa; a dosificación da información que permite manter a intriga e o interese do lector ata o final; os temas da violencia, o escarnio ou o idadismo; o rexeitamento social ao que resulta diferente e/ou rompe os moldes estabelecidos; o papel da lectura, da formación, da cultura (por algo A Muller Xabaril levaba ao lombo un saco con libros, entre outras pertenzas).
Na última parte presentamos e discutimos distintas propostas de próximas lecturas: a do vindeiro mes será, aproveitando a visita da autora ao noso centro, O ano das mazás (vivencias do pai da escritora nos tempos da posguerra: maltrato infantil na escola, nais solteiras, relixión evanxélica, estraperlo, privacións e fame). Outras suxestións lectoras correspóndense con O estranxeiro de Alex Alonso (un surrealista asasinato da pábulo a unha humorística e mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á volubilidade da xustiza); Coa man esquerda de Xabier Quiroga (un escritor recibe un curioso manuscrito no que un ancián conta arrepiantes sucesos vividos cando era neno e que lle deixarán fonda pegada) ou Unha saca da patacas de Francisco Coimbra (onde se xoga coa ambivalencia semántica do termo “pataca”: tubérculo e moeda, cun destacado protagonismo da lingua mais tamén cunha crítica social encarnada no luxo de Macau sostido co traballo precario das distintas profesións que fan posíbel o ouropel dese luxo)
Vémonos o vindeiro mes!

Data: 
Xov, 19/10/2023 - 05:52

Publicidade a prol da lectura (II)

Máis publicidade

Data: 
Mér, 18/10/2023 - 15:27

Publicidade a prol da lectura (I)

Algúns carteis da nosa campaña de captación de novos membros para as distintas seccións do Club de Lectura

Data: 
Mér, 18/10/2023 - 15:15

A primeira muller no Seminario de Estudos Galegos

A nosa recomendación para celebrarmos lendo o Centenario do Seminario de Estudos Galegos e reivindicar o papel da muller nesta institución é esta biografía elaborada por Aurora MARCO:

Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, Alvarellos, Compostela, 2023, 226 pp.

"Entre as poucas mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos en 1923, a primeira admitida naquela entidade científica, a poucos días de se constituír, foi unha cesureña que percorreu case todo o século XX, Carmiña Sierra Domínguez (Pontecesures, 1906-Caracas, 1996). Esta obra de Aurora Marco descúbrenos unha biografía totalmente descoñecida. Carmiña Sierra estudou Filosofía e Letras en Compostela, obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Tras a sublevación militar, rexentou co seu home unha granxa en Cortinallas (Pontecesures) e, tras ser detida polo súa militancia política e compromiso antifranquista, estivo tres anos encarcerada en Ventas. A comezos dos anos 50 exiliouse en Venezuela.

 

Esta monografía dedícase a recuperar unha traxectoria tan rica en experiencias, en afectos, e en compromiso polas causas da xustiza e a liberdade, e abrangue todo o seu percurso vital, desde o nacemento até a morte. O libro enriquécese cun cento de imaxes e documentos históricos moi descoñecidos." (da presentación editorial)

 

 

Data: 
Xov, 12/10/2023 - 12:50

Un século do Seminario de Estudos Galegos

   Dentro do clima de rescate e defensa da cultura galega que ten os seus alicerces no período da Ilustración, continúa co Rexurdimento decimonónico e coas Irmandades da Fala, un grupo de novos universitarios composteláns (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza Brey, Xosé Pena Pena,  Xosé Magariños Negreira, Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet,  Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López, de entre 27 e 16 anos) co apoio do catedráticos Armando Cotarelo e Salvador Cabeza de León, intégranse nun ambicioso proxecto a prol da investigación e divulgación da cultura galega.

    Tal día como hoxe, o 12 de outubro de 1923 parte dos arriba nomeados fan unha peregrinación dende Compostela á Casa Grande de Ortoño (onde Rosalía pasou uns meses da súa infancia), deste xeito comeza a súa andaina o Seminario de Estudos Galegos que se constituirá oficialmente o 21 de outubro e aprobará os seus estatutos o 27 do mesmo mes. A súa prolífica andaina para a promoción, defensa e estudo da cultura galega, integrando múltiples disciplinas e traballando en equipo, vese interrompida cando comezaran a campaña de Fisterra (que foi a súa oitava e derradeira misión) pola sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Parte do seu legado e actividades foron asumidos pola Universidade de Santiago, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego e o renacido Seminario de Estudos Galegos impulsado por Isaac Díaz Pardo e o grupo Sargadelos.
    Neste centenario queremos ter unha lembranza especial para as mulleres que participaron nas tarefas do Seminario pero que foron esquecidas e silenciadas como Carmen Sierra Domínguez, alumna de segundo curso de Filosofía e Letras con 17 anos, proposta como socia o 10 de novembro de 1923 e aceptada unha semana despois, sendo así a primeira socia da entidade. Ela inicia unha lista de mulleres vinculadas ao Seminario que cómpre reivindicar: Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós, Celsa Pérez Moreiras, María Corredoyra, Margot Sponer, Angelita Varela, Emilia Álvarez, Daría González, Matilde Pondal, Carmen Pardo, Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo, Inés Corral ou Mercedes Vilabella.

http://consellodacultura.gal/paxina-area.php?id=9348&arq=4372#
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29957

 

 

Data: 
Xov, 12/10/2023 - 12:29


by Dr. Radut