Skip to Content

Un violonchelo na biblioteca de Saraievo

      En 1992 a foto do músico Vedran Smailović (Saraievo, 1956), tocando o Adagio atribuído a Albinoni co seu violonchelo entre os cascallos da biblioteca de Saraievo dou a volta ao mundo;

era a súa particular homenaxe ás 22 persoas que foron asasinadas cando facían cola para recibir pan en maio dese mesmo ano.   Elas e o propio edificio da biblioteca foron unhas vítimas máis do conflito dos Balcáns. Ironicamente moitos dos autores do acto vandálico de destrución da biblioteca eran habituais usuarios dela, o mesmo responsable de ordenar a súa destrución fora profesor de literatura da Universidade de Saraievo e amaba a poesía de Shakespeare.
    Para non esquecer ese masacre cultural e reivindicar o papel das bibliotecas como salvagardas da cultura humana, instaurose, dende o ano 1997, a data do 24 de outubro como o Día Internacional das Bibliotecas.
    O perseguimento que chega incluso a destrución física dos soportes materiais e humanos do coñecemento (a queima de libros ou a aniquilación de significados persoeiros do mundo cultural, por exemplo) é unha desgraciada constante histórica.
    Mentres tecleamos estas liñas algúns lugares do noso planeta, de xeito especial aqueles que viven  a cotiandade da extrema violencia (Ucraína, Próximo e Medio Oriente, Etiopía...) están a sufrir unha espoliación cultural que os empobrece e nos empobrece porque no mundo globalizado que vivimos nada nos pode ser alleo.
    Quixeramos contradecir ao comediógrafo latino Plauto que na Asinaria (acto II, escena IV v.  89) escribiu: “Lupus est homo homini” mais a contumaz realidade obríganos a darlle a razón.

Vedran Smailović tocando o violonchelo nas ruínas da biblioteca de Saraievo. Foto de Mikhail Evstafiev

    Din que a música amansa as feras. Nesta nova Xornada Internacional das Bibliotecas, tezamos redes para que os acordes do violonchelo de Vedran Smailović  e de todos os instrumentos musicais do mundo amansen á fera que levamos dentro, eliminando o afán destrutor da cultura en todas as súas formas e  que non teñamos que vivir nas tebras da ignorancia, magnífico caldo de cultivo da irracionalidade, o rancor e o fanatismo.

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 03:14


page | by Dr. Radut