Skip to Content

Centenario dos Mártires de Sobredo

Sobredo o lugar desde onde a sociedade labrega dixo de maneira clara: foros Nunca Máis. Sobredo é o título da película, a terra para quen a traballa, do relato vivo, dignidade e solidariedade de quen esixe xustiza e pan.
(Marga do Val,  Nós diario, 18/11/2022)



    En novembro de 1922 foron detidos directivos da “Sociedad Agraria de Ribadelouro” e da “Federación Local de Trabajadores” de Tui, esixíndolles o xuíz para liberalos unha fianza de 85.000 pesetas, cinco mil por cada un dos directivos (unha cantidade astronómica para aquela época). O día 8 dese mesmo mes os veciños da parroquia maniféstanse. Días despois sumáronse ao paro en solidariedade os obreiros municipais. Dúas semanas despois, o 25 de novembro, o Gobernador Civil suspendía o funcionamento de varias sociedades agrarias do concello.
    Neste contexto algúns labregos de Tui negáronse a pagar por inxustas as rendas dos foros; o día 28 de novembro, cando se pretendía executar un dos embargos por orde xudicial, reuníronse para impedilo unhas dúas mil persoas de todas as parroquias da contorna, que tras escoitar os sinos das igrexas avisando da chegada do xuíz e da Garda Civil, deixaron de traballar no campo e foron cara a Sobredo. Tódolos veciños que estaban loitando contra esta inxuria e pola abolición dos foros resultaron reprimidos pola Garda Civil, quen mediante disparos disolveu a revolta provocando un masacre co resultado de tres labregos mortos (dous homes e unha muller: Cándida Rodríguez González, embarazada e veciña de Pazos de Reis, Joaquín Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, de Budiño), outros dez  feridos e un gran número de detidos. Os titulares dos xornais falaban ao día seguinte de “veciñanza amotinada”. As forzas que acompañaban aos representantes do xulgado eran dez parellas de infantería da Garda Civil e outras tres de cabaleiría. O día 5 de decembro iría á folga toda a provincia de Pontevedra para denunciar á represión en Sobredo e en apoio á loita labrega, esixindo unha inmediata solución á cuestión foral. Os xornais destacaban que o paro fora total en Vigo.
    Sobre estes feitos Basilio Álvarez, crego líder dos agraristas, afirmou en La Zarpa: “Xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”.
    Ramón Cabanillas, o chamado Vate da Raza,  dedicou un poema do seu libro Da Terra Asoballada aos sucesos:

 
SOBREDO

¡Galicia encadeada con ferros de Castela,
por fillos treizoeiros e por caciques-lobos,
no teu ceo azulado, hai unha nova estrela!
¡ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos!

¡Irmáns! ¡Erguede o berro
de amor e santidade!
¡Galicia e Liberdade
do Traballo e do Chan!
son verbas de Dios mesmo                                             
do Dios Todopotente:
¡Co suor da túa frente
gañarás o teu pan!

        * * *

¡Nai galega, que diches a sangue xenerosa,                    
para calmar a sede rabiosa da Impiedade,
nos agros de Sobredo, froreceu unha rosa!
¡Ardente e sanguiñenta, agoira Liberdade!

Son verbas de Dios mesmo,
do Dios Todopotente,
¡Co suor da túa frente
gañarás o teu pan!
¡Irmáns! ¡Erguede o berro
e o legón aferrade!
¡Galicia e Liberdade
do Traballo e do Chan!


    Doutro poeta, o luso-galego Alfredo Pedro Guisado, é esta composición en lembraza de Sobredo:

¡Sobredo!

I

Galicia, a Santa das flores,
das fontes, das romarías,
dos namorados pastores
que cantan nas noites frías
as tristezas dos amores.

Galicia, a sempre esquecida,
que mans alleas prenderon,
que inda vive adormecida
na torre donde a meteron
os que lle rouban a vida.

Galicia, a Santa a quen reza
meu corazón, libertade,
para que na miña Alma pareza
irmán da miña Tristeza,
triste nai desta Soedade.

A Soedade é filla d’ela.
deulle beixos, deulle abrazos.
Quixo levarlla Castela,
tivo medo de perdela
defendeuna nos seus brazos.

Foi a única riqueza
que lle deixaron quedar,
cando un dia o despertar,
deixa de ser a Tristeza
para ser a Alma a cantar.


II

Sinto que Galicia chora.
Que ten ela, que lle pasa,
que lle fixeron agora?
¡Galica, a nosa Señora
do altar da miña Raza!

Y-eu sinto de monte en monte,
boca en boca, alto, sin medo,
na sombra do arboredo,
no triste soñar da fonte,
o mesmo berro: -Sobredo!

E un berro que dá vida
porque nos fala de morte,
un berro qu’ é fouce erguida,
que deixa Galicia forte,
vencedora e non vencida.

Que todos veñan serenos,
boa estrela vai guiar,
no eido quedan os nenos
e o mesmo así os pequenos
para a vitoria han de rezar.

Todos xuntos, fronte a fronte.
Chegou a hora. Amañece.
Porque -sabédeo toda a xente –
Para o Sol nacer, aparece
todo de sangue o nacente.

    Hoxe, no centenario daqueles tráxicos sucesos, cómpre exercitar a memoria porque como dixo o escritor chileno Luis Sepúlveda é importante “coñecer o pasado para comprender o presente e imaxinar o futuro.

Créditos:
http://martiresdesobredo.blogspot.com/
https://www.cig.gal/nova/o-rural-rebelde-e-a-unidade-obreiro-campesina.html
http://tudensia.blogspot.com/2022/11/cen-anos-dos-martires-de-sobredo.html
http://ferruxo.blogspot.com/2009/11/1922-gran-manifestacion-de-la-parroquia.html
https://www.nosdiario.gal/opinion/marga-do-val/sobredo-tamen-dixo-nunca-mais/20221118080000156719.html



page | by Dr. Radut