2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
- Conmemoracións |
- 2_abril |
- LIX |
- mensaxe
A música das palabras
(mensaxe de Margarita Engle, tradución de María Canosa)
Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.
As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!
As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.
Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.
Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía de esperanza.