A peste tebana
O EDIPO REI DE SÓFOCLES
E A PESTE DE TEBAS
Se na anterior entrada falamos da peste que daba comezo ao poema épico Ilíada, agora faremos referencia a peste coa que Sófocles inicia a súa traxedia Edipo Rei, baseada no chamado ciclo tebano.
Xa coñecemos a historia: Edipo converteuse en rei de Tebas ao mesmo tempo que, sen sabelo, cumpría a profecía de que mataría ao seu pai, Laio (o rei precedente), e casaría coa súa nai, Iocasta (a quen Edipo tomou por raíña despois de resolver o enigma da Esfinxe).
A traxedia sofóclea comeza cando os infortunados tebanos, que están a padecer unha terrible peste, acoden suplicantes diante do seu rei:
A cidade, como ti mesmo podes ver, está xa demasiado axitada e non é capaz aínda de levantar a cabeza das profundidades pola sanguenta sacudida. Debilítase nas plantas frutíferas da terra, nos rabaños de bois que pacen e nos partos infecundos das mulleres. Ademais, a divindade que produce a peste, precipitándose, aflixe á cidade. Odiosa epidemia, baixo cuxos efectos está despoboada a morada Cadmea, mentres o negro Hades enriquécese entre suspiros e queixumes. (Edipo Rei, 22-30)
...Se xa anteriormente, en socorro dunha desgraza sufrida pola cidade, conseguistes arroxar do lugar o ardor da praga, presentádevos tamén agora.
Ai de min! Soporto dores sen conto. Todo o meu pobo está enfermo e non existe a arma da reflexión coa que un se poida defender. Nin crecen os froitos da nobre terra nin as mulleres teñen que soportar queixosos esforzos nos seus partos. E un tras outro, cal rápido paxaro, podes ver que se precipitan, con máis forza que o lume irresistible, cara á costa do deus das sombras.
A poboación perece en número incontable. Os seus fillos, abandonados, xacen no chan, portadores de morte, sen obter ningunha compaixón. Namentres, esposas e, tamén, encanecidas nais xemen por todas as partes nas bancadas dos templos, en actitude de suplicantes, por mor das súas tristes desgrazas. (ib. 165-185)
Edipo, que quere salvar á cidade da peste, proponse investigar cal é a causa que a provoca. Creonte, o seu cuñado, encamíñase cara a Delfos para consultar ao oráculo de Apolo. E a Pitonisa dille que a peste é o resultado dunha contaminación relixiosa, pois o asasino do anterior rei, Laio, non foi atrapado: o seu sangue derramado ameaza con dar morte a todos os habitantes da cidade ata que se execute ou exilie ao culpable. Compre descubrilo. Edipo ponse mans á obra. O cego pero clarividente adiviño Tiresias proclama:
afirmo que ti es o asasino do home acerca do cal están a investigar. (ib. 362)
Edipo pensa que hai unha confabulación contra el promovida por Creonte e Tiresias. Iocasta, esposa actual de Edipo e anterior de Laio, trata de mediar e acalmar a Edipo pero, ao longo da traxedia, todo se vai aclarando, as pezas do quebracabezas van encaixando, o enigma resólvese e a terrible realidade faise evidente: Edipo é o asasino do seu pai Laio e está casado coa súa nai Iocasta. Esta suicídase colgándose e Edipo, arrepiado polo parricidio e o incesto, cégase a si mesmo porque non pode permitirse ver, despois dos seus crimes, aos seus pais no inferno, aos fillos, nin ao pobo de Tebas. E marchará camiño do exilio.
Charles François Jalabeat (1819-1901), La peste de Tebas, Museo de Belas Artes, Marsella
A obra remata con estas concluíntes verbas:
Oh habitantes da miña patria, Tebas, mirade: velaquí a Edipo, o que solucionou os famosos enigmas e foi home moi poderoso; aquel ao que os cidadáns miraban con envexa polo seu destino! En que cúmulo de terribles desgrazas veu a parar! De modo que ningún mortal pode considerar a ninguén feliz coa mira posta no último día, ata que chegue ao termo da súa vida sen sufrir nada doloroso. (ib. 1524-30)
A mentalidade popular grega consideraba que na propagación das pragas interviñan as divindades, como castigo por algún crime ou insolencia realizada contra o lóxico funcionamento da orde natural E o remate da epidemia, só pode producirse cando o dano se repare mediante o castigo, non hai lugar lugar para a misericordia e o perdón. Por iso a peste só abandonará Tebas cando o culpable Edipo sexa desterrado.
FONTES:
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3atext%3a1999.01.0191