Proxecto Ríos: O Noso Lagares

"Proxecto Ríos: O Noso Lagares" -  IES Politécnico Vigo - Curso 2023-2024
Actividades realizadas ao abeiro dos Plan Proxecta+

Logo noso Lagares.png

1. Introdución 
Breve resumo do proxecto realizado
 
O IES Politécnico impulsou, coordinou e organizou o Proxecto O Noso Lagares o curso 2023-2024, co obxectivo da creación dun proceso de participación da Comunidade Escolar no coñecemento, conservación e posta en valor do río Lagares, principal curso de auga doce do Concello de Vigo; involucrando tamén o noso centro no Proxecto Ríos, programa de educación e voluntariado ambiental promovido por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e impulsado e coordinado por ADEGA.
 
A urxente necesidade de preservar os espazos naturais e de poñer en valor o patrimonio cultural relacionado, converten este proxecto nun exercicio marabilloso de concienciación e coñecemento para o noso alumnado máis novo; polo que, neste curso 2023-2024, esta acción educativa estará vencellada ás materias de Lingua galega, Bioloxía e Proxecto Competencial dos dous grupos de 1º ESO do noso centro; e mais a dous grupos de 1º BACH, nas súas materias de Lingua Galega e Filosofía. O número de departamentos enrolados neste proxecto son 4 (Bioloxía, Lingua Galega, Filosofía e o EDLG), cun total de 6 docentes implicados.
 
Xa que logo, este proxecto desenvolveuse a través de aulas maxistrais, visualización de vídeos formativos, traballos de aula, realización de podcasts na emisora do centro e, sobre todo, a través de dúas saídas formativas; tentando proporcionar as ferramentas básicas que garantan a aprendizaxe significativa e a participación activa e colaborativa do alumnado. Ademais, este proceso estivo acompañado por diferentes persoas traballadoras e coñecedoras da contorna fluvial, coma Paco Bañobre (ADEGA); do activismo cultural, coma Xosé Couñago; ou da nosa tradición oral, coma o profesorado do centro especializado no tema.
 

  1. Organización: Descrición das actividades realizadas. Ligazóns ás evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado. 
  1. Actividades iniciais
  • Reunión coordinación. Comunicación entre o equipo e programación das actividades

Durante o primeiro trimestre do curso realizáronse diferentes traballos previos de coordinación e de comunicación entre os axentes participantes no proxecto. En primeiro lugar realizouse unha reunión co profesorado implicado, na que o coordinador trasladou os obxectivos e as actividades previstas no proxecto, que terían como puntos fortes a creación de  dous mapas con 51 puntos de interese cos que traballaría o alumnado durante o curso, e mais as dúas saídas ao río. Ademais sentáronse as bases do proceso comunicativo interno, que se desenvolveu mediante mensaxería electrónica e coa creación dun grupo de whatsapp..

  • Logo e apertura de redes sociais

Durante a primeira avaliación producíronse as primeiras actuacións, coa creación do logo do proxecto e coa posta en marcha de ferramentas en rede, como a páxina de Ivoox.

  • Creación dos mapas de Google Maps e Google Earth

Un dos puntos fortes do proxecto foi a creación de dous mapasen  Google Maps e Google Earth, cos 51 puntos seleccionados arredor do río Lagares, e nos que traballou o alumnado durente todo o curso. O obxectivo final foi o de actualizar cada un deses 51 puntos de interese engadindo unha fotografía actual, o seu estado e unha lenda relacionada.
Mapa de Google Maps – O Noso Lagares: O Noso Lagares - Maps
mapa de Google Earth – O Noso Lagares: O Noso Lagres - Earth

  • Creación de material para a ruta

Para a preparación previa desta ruta e para o traballo do alumnado durante a súa realización, desde a coordinación do proxecto creouse diferente material que detallamos a continuación

  • Creación dos folletos

Para cada unha das saídas do proxecto creouse un folleto informativo para o alumnado, que foi transmitido polo coordinador ao alumnado, persoal colaborador e profesorado ao comezo das mesmas. Nel pódense ver as características da ruta, os puntos de parada obrigatoria e algunhas información sobre o río Lagares e os lugares da visita.

  • Creación do herbario

Especialmente creado para os grupos da ESO, en cada unha das saídas algúns membros dos equipos nos que se dividiu o alumnado participante tiveron que completar un pequeno herbario de especies de flora autóctona e invasora. A actividade foi moi ben recibida polo alumnado, que aprendeu xogando, e completou case todas as especies presentes no tramo do río seleccionado.

  1. Saídas ao río

As saídas realizadas programáronse para os días 11 de abril (zona alta do río 1º ESO A), e 12 de abril(zona media/baixa do río 1º ESO B + 1º BACH C+B).

  • 1ª saída ao río

Na primeira saída realizada o 11 de abril, o alumnado participante recoñeceu elementos naturais e patrimoniais do río, realizou cadanseu herbario coas especies da flora (autóctona/invasora) da zona; e tamén descubriu os invertebrados do río grazas á axuda de Paco Bañobre (ADEGA). Nesta saída realizáronse diferentes actividades, coas seguintes paradas:
 
9.00h Saída do Politécnico en Bus
9.15h Lagoa Mol (Peinador)
10.00h Mámoas Cotogrande (en Bus desde Lagoa Mol)
10.30h. Paseo Ponte Cabral (en Bus desde Cotogrande)
13.00h. Ponte Medieval Sárdoma - Pazo Caracola (en Bus desde rúa Manuel Álvarez)
14.15h. de volta no IES Politécnico
 
Na zona do paseo do Lagares de Ponte Cabral, de gran valor natural pola súa riqueza no bosque de ribeira autóctono, realizáronse as seguintes actividades:

  • Recoñecemento da flora e fauna do bosque de ribeira do tramo (30-45 min)
  • Actividade de recoñecemento de macroinvertebrados (1h – 1.30h)

Cartel promocional: Cartel 1ª saída
Folleto Saída: Folleto 1ª saída

  • 2ª saída ao río

Na 2ª saída realizada o 12 de abril, os grupos de 1º ESO B e 1º BACH B+C puideron achegarse a elementos naturais e patrimoniais da zona media/baixa do río; acompañados polo profesor, divulgador e filólogo Xosé Couñago, que guiou o alumnado coas súas explicacións durante a xornada. Nesta saída realizáronse diferentes actividades, coas seguintes paradas:
 
9.30h Saída do Politécnico en Bus
9.15h Zona de Castrelos (rápidos – lavadoiros - fontes – pombal – pazos - Ponte Medieval)
12:30h. Zona Balaídos – Caramuxo (campo de Fútbol – murais- esculturas Camilo Nogueira)
14.15h. de volta no IES Politécnico
 
Cartel: Cartel 2ª saída
Folleto Saída: Folleto 2ª saída

  1. Outras actuacións
  • Onda Candeira – Proxecto O Noso Lagares

Ao longo do primeiro trimestre botouse a andar Onda Candeira, a emisora do noso centro, unha das principais actividades dinamizadoras durante todo o curso, coa gravación de  programas de todo tipo nos que participou alumnado moi variado. Para o Proxecto O Noso Lagares, o alumnado de 1º ESO realizou dous programas durante o curso:
O Noso Lagares 1: "O patrimonio do río Lagares" (5/12/2023)  
O Noso Lagares 2: "A flora e a fauna do río Lagares" (15/5/2023)
 

  1. Avaliación: Instrumentos de avaliación utilizados e resultados obtidos
  1. Criterios e indicadores para a avaliación

O proceso de avaliación do proxecto realizouse a través de diferentes indicadores, que pasaremos a comentar  seguidamente:

  • Avaliación externa por parte de diferentes axentes colaboradores

As impresións transmitidas por todas as persoas colaboradoras no proxecto foron óptimas tanto na realización das saídas, como nos resultados obtidos do traballo realizado. Por unha parte, as persoas e entidades colaboradoras, como Paco Bañobre ou Xosé Couñago, transmitiron á coordinación a súa gratitude por ter participado neste proxecto expansivo que é O Noso Lagares. Por outra parte, o profesorado implicado tamén demostrou a súa complicidade co proxecto en todo momento. Ademais, o alumnado traballou, tanto nas saídas como nas aulas dunha maneira entusiasta, atenta e cooperativa.

  • Extensión da rede social

Neste proxecto participaron 108 alumnos e alumnas, 5 persoas do profesorado e 2 persoas colaboradoras. Xa que logo, finalmente acadamos un total de 115 persoas implicadas no Proxecto O Noso Lagares.

  • Audiencias na canle de Ivoox da emisora de radio  

En canto ás audiencias dos programas de radio realizados e aloxados en Onda Candeira, a día 24/5/24 contan con 50 escoitas. Ademais, despois dun acordo coa radio local de Vigo, Radio Piratona, os programas de Onda Candeira emitíronse desde o mes de febreiro para toda a área metropolitana de Vigo polo 106.1 do dial, chegando a un potencial público de 200.000 persoas máis que escoitan a radio nesta ampla zona do sur da provincia de Pontevedra.

  • Lectores potenciais da prensa impresa e da prensa dixital

Un dos puntos fortes do proxecto foi a comunicación establecida coa prensa local, pois dende a coordinación do proxecto se enviou á prensa local (Faro de Vigo, Atlántico Diario) información acerca de diferentes actividades. Finalmente, e tras diferentes comunicacións, tanto o xornal Atlántico Diario como o Faro de Vigo publicaron nas súas páxinas senllos artigos, nos que se explicaban as características do proxecto
 
Segundo o estudo de audiencia dos xornais galegos de 2023, o Faro de Vigo leno unhas 170000 persoas, polo que estamos convencidos que esta foi unha das maiores difusións que puido ter o proxecto. Ademais, se contamos que esta nova tamén foi publicada na súa versión dixital e na conta de Facebook do Faro de Vigo, que ten 338 mil seguidores; chegaremos a un número potencial de arredor de 500.000 persoas. Por outra parte, a nova no Atlántico Diario só foi publicada na súa versión en papel, que chega a unhas 10000 persoas, polo que o impacto final do proxecto sería dunhas 510.000 persoas en total.

  1. Medidas de difusión do proxecto

Proxecto O Noso Lagares converteuse nun tema de traballo educativo do centro e mobilizou os principais recursos comunicativos internos: traballo nas aulas, organización de actividades escolares e extraescolares, difusión cara dentro e fóra nas redes sociais, na emisora do noso centro, tentando tamén que os medios de comunicación locais e autonómicos se fixesen eco da difusión do proxecto. A seguir vai un pequeno resumo de cada un dos métodos de difusión con cadansúa ligazón xustificativa.

  • Web corporativa do centro

Un dos principais medios de difusión foi o Blog das Actividades de Lingua galega, aloxado na web institucional do centro, onde se foron partillando as diferentes actividades. Ademais, a través do Logo dos Plan Proxecta incrustado no panel da web institucional tamén se pode acceder a un resumo das actividades realizadas, así como ao documento fundacional do proxecto e mesmo a esta memoria..

  • Emisora

A emisora do IES Politécnico - Onda Candeira - foi outro dos puntos importantes sobre o que xirou o traballo, pois parte do alumnado traballou na guionización, locución e gravación dos programas do proxecto.

  • Medios de comunicación locais

Un dos medios de difusión máis importantes o proxecto foi, sen dúbida ningunha, o artigo que o 14/5/24 publicou María Bueno, reporteira do Faro de Vigo, que se puxo en contacto coa coordinación para facelo e grazas ao que chegamos a un potencial público de 500.000 persoas. Outra acción importante foi a publicación en Atlántico Diario, cunha audiencia potencial de 10.000 persoas.

AdxuntoTamaño
Texto web IES Politécnico O NOSO LAGARES.pdf854.07 KB
MEMORIAFINALONOSOLAGARES .pdf1.14 MB