Novas
Magosto 2016 no Monte da Vila
Durante 5ª e 6ª hora do 18 de novembro de 2016 celebrouse o Magosto no IES Monte da Vila coas seguintes actividades:
Magosto: asáronse castañas para todo o centro contando tamén coa colaboración da ANPA que proporcionou e repartiu refrescos.
Actuación do Coro Infantil da Confraría de pescadores de San Martiño que se celebrou ás 13:00 h. Puidemos escoitar as voces de nenos dende catro anos ata algúns dos nosos alumnos.
Ademais todo o alumnado puido pasalo ben cos xogos populares que puxo á nosa disposición o Concello do Grove.
Saída de 2º de bacharelato ao CGAC
O día sete de outubro os rapaces de 2º de bacharelato, asistiron no Centro Galego de Arte Contemporánea a unha charla por parte do compositor Jesús Díaz, onde se explicaron os procesos de creación dunha banda sonora, a evolución da mentalidade do mundo artístico e como defenderse nese mundo laboral de artistas. Ademais, a continuación, os alumnos puideron falar con un equipo de técnicos de Radio 3 que ían a gravar nese momento o programa “El séptimo vicio”. O presentador, Javier Tolentino, explicou aos alumnos como se levaba a cabo un programa na radio.
Libros de texto Curso 2016-2017
A listaxe de libros de texto para o curso 2016-2017 atópase dispoñible na seguinte ligazón e permanecerá exposta ao público nos taboleiros do centro.
Debe advertirse que hai novos libros nos cursos de 2º e 4º da ESO debido á entrada en vigor da LOMCE. Asimesmo, prodúcense algúns outros cambios no Bacharelato.
Graduación 2º de bacharelato – Curso 2015/2016
O pasado sábado 18 celebramos a graduación do noso alumnado de segundo de bacharelato.
Noraboa a todos e moita sorte!
Os resultados de Selectividade
Acodiron á proba 20 alumnos e alumnas, cun 100% de aprobados. Cabe dicir tamén que a nota media na fase xeral foi de 7,6 e que un 25% do alumnado obtivo nesta fase unha nota igual ou superior a 9. Ademais, o alumno Francisco Prol Lucio obtivo a segunda mellor nota de toda Galicia, sacando 10 en todas as materias salvo dúas (9,75 e 9,5).
Cremos que estes resultados son dignos de mención e nós, como profesorado, estamos moi satisfeitos do esforzo e traballo do noso alumnado ao longo do curso e, concretamente, nestas probas de acceso á universidade.
Rafting no Miño
O xoves 12 de maio o alumnado de 3º da ESO achegouse a Arbo para descender un tramo do río Miño facendo rafting. Os alumnos puideron gozar dunha actividade no medio natural na que puxeron en práctica o traballo en equipo e fixeron deporte dunha forma divertida e diferente.
Saída a Santiago de Compostela
O alumnado de 1º a 4º da ESO de Relixión desprazouse ata Santiago para visitar a catedral, o museo das peregrinacións e facer un percorrido polo casco histórico da cidade.
A pesar da choiva atrevéronse a subir ás cubertas e gozaron dunhas impresionantes vistas da cidade.
Visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento
O pasado xoves 5 de maio o alumnado de terceiro da ESO realizou unha visita ao parque eólico experimental de Sotavento, situado na Serra da Loba en Monfero (Lugo).
A visita foi guiada por dous monitores que lles explicaron multitude de conceptos sobre enerxías renovables, dende o seu aproveitamento pasando polas súas aplicacións comerciais ata a contaminación producida.
Logo visitaron unha vivenda bioclimática completamente robotizada onde lles foron explicados os principios físicos nos que está baseada e o aforro de enerxía que produce. Por último realizaron uns xogos, moi divertidos, para avaliar os coñecementos acadados. Despois de comer realizaron a viaxe de volta, chegando ás 18:00 horas ao Grove.
Actividade de Escape en Vivo
Esta actividade foi realizada polos alumnos de 4º de ESO con materia optativa francés. Levouse a cabo o martes 3 de maio en Pontevedra, e participaron nela un total de 11 alumnos. O obxectivo da actividade era resolver un problema en equipo, recibindo pistas orais en francés.
A actividade organizouse en dous grupos, un de 5 persoas e outro de 6. Tiñan un total de 60 minutos para resolver o enigma. Un equipo conseguiuno, precisando de 55 minutos e 38 segundos, mentres que o outro equipo non o conseguiu, aínda que rematou por resolver o enigma nun total de 62 minutos e 21 segundos.
Os alumnos quedaron moi contentos coa actividade e déronse conta da importancia de traballar en equipo, escoitarse mutuamente e axudarse. En canto á parte lingüística tamén foi satisfactoria, xa que normalmente cando escoitan francés teñen diante á persoa que fala (a profesora) e neste caso falábaselles dende fóra da habitación. A dificultade neste caso era que só escoitaban e ademais a voz estaba un pouco distorsionada, pero aínda así entenderon o que se lles dicía.
Entrega do Premio de Fotografía Matemática
Xa van 10 anos de Feira Matemática e outros tantos do Concurso de Fotografía Matemática que se convoca con motivo dela. Este ano, alumnado do IES Monte da Vila participou nas categorías de ESO e Bacharelato, conseguindo o alumno Javier Guillán Rial o premio correspondente á categoría de 2º ciclo da ESO e Bacharelato. O premio, outorgado pola Asociación Galega do profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) e a Fundación Barrie foille entregado o pasado 27 de abril. A fotografía gañadora levaba por título “Reflexión”.
"Descubrindo as rochas que pisas", Programa da AEPECT
"Descubrindo as rochas que pisas", Programa da AEPECT (Asociación Española Para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra).
O pasado día 21 de abril o Doutor en Xeoloxía José Francisco Canosa visitou o noso instituto da man do departamento de Bioloxía e Xeoloxía. A súa actividade comezou cunha presentación de 50 minutos sobre o traballo dos xeólogos e a xeoloxía de Galicia en xeral e da zona do Grove en particular. Unha vez rematada a exposición, o alumnado de 1º de Bacharelato A, acompañados do profesor de Bioloxía e Xeoloxía, unha profesora de Debuxo técnico e o xeólogo, saíron cara a costa onde fixeron 4 paradas: praias de Montalvo, Bascuas e A Lanzada e Mirador da Siradella. Nestes puntos recoñeceron as características xeomorfolóxicas litorais e do sistema dunar, estudaron os procesos tectónicos (fracturas e pregamentos) e observaron os granitoides, o contacto cos xistos e presencia de rochas carbosilicatadas.
A actividade rematou ao día seguinte, no que se desenvolveu un obradoiro sobre recoñecemento e identificación de rochas de Galicia, con mostras de todas as rochas que podemos atopar na nosa Comunidade.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 22
- 23
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- 29
- 30
- seguinte ›
- última »