Dende o EDLG, a Biblioteca e o Departamento de Galego xa estamos pensando nas próximas celebracións. Así que aí vai un concurso de cartas de amor para festexar a Candeloria (o día no que casan os paxariños) e o Día dos namorados.
Animádevos a participar! Esperamos as vosas cartas!
Podedes consultar as bases do concurso na imaxe
Hoxe, o periódico “La Voz de Galicia” faise eco do estupendo traballo que está a facer o noso profesor Adán Gonçalves coa horta respectuosa co medio xunto cun invernadoiro e almacén incluíndo un refuxio para anfibios e réptiles.
Tedes toda a información na seguinte ligazón
O DEPARTAMENTO DE MÚSICA quere ofrecervos, para festexar este Nadal 2023 e a entrada no ano 2024, este concerto no Pazo da Cultura de Carballo, co traballo que o alumnado de música estivo a preparar con moito esforzo, espírito colaborador e entusiasmo.
Por un lado, agradecemos á inestimable e desinteresada axuda de todo o excelente profesorado (que tanto canta, como saca fotos, vídeos, toca instrumentos, editan o material audiovisual...) e persoal non docente, xa que sempre nos fixeron as tarefas moito máis fáciles, con moita paciencia, facilitando e facendo posible en todo momento a realización deste concerto de Nadal, inviable sen a súa inigualable axuda.
Por outro lado, temos moito que agradecer, á implicación do alumnado de música que fixo unha gran piña, para lograr plasmar este Concerto de Nadal, encargándose de diferentes aspectos como toda a loxística para levar todo o material, como tocar diferentes instrumentos, converterse tamén en actrices, axudantes na cabina de son, e nun sinfín de tarefas.
Outro agradecemento imprescindible é para o noso arranxador de cabeceira, Paulo Padrón Santamarina, autor de todas as pezas que tocamos, incluídas o arranxo de Noite de Paz para o Septeto Parga Pondal, como a estrea da canción en honor a Isidro Parga Pondal, para o nacente Coro do profesorado do IES Isidro Parga Pondal.
E por suposto, non podemos esquecernos dos letristas da obra de Isidro Parga Pondal: Xurso Souto, que fixo a letra do estribillo e do 1º retrouso, xunto coa melodía do estribillo e Lucas Espasandín autor do segundo retrouso.
Xa para rematar non podemos despedirnos sen falar de Lorena Varela Amboage, a nova incorporación ao Departamento de Música. A súa chegada permitiu revivir vellos proxectos que estaban gardadas e que agora van cobrando vida.
Sen máis, despedímonos e desexámosvos Bo Nadal e Feliz Ano Novo
Tras a 1ª emisión en directo da Radio Rebolondas en Xuño, quedamos con gañas de máis, así que para festexar estas festas, rematamos o trimestre cun especial Nadal en directo na Radio Rebolondas.
Destacamos coma sempre o alumnado de Bacharelato do obradoiro da radio que levou o peso desta actividade:
Pablo Antelo Paredes
Xulia Arán Paredes
Sara Blanco Rodríguez
Lola Collazo Couto
Cristina Corzón Veres
Lucía López Bello
Ana Vázquez García
Mencionamos tamén o alumnado de música de 3º, 4º ESO e 1ºBACH, o Septeto Parga Pondal e o Coro do profesorado do IES Parga Pondal, encargados das seccións musicais.
Antes de desexarvos felices festas, queremos agradecer ao profesorado que impulsou esta iniciativa: Francisco Amado, Miguel Mourón, Lorena Varela Amboage e Vanessa Lorenzo Uzal.
Aquí tedes o vídeo:
Bo Nadal e feliz ano novo!!
Xa temos o alumnado premiado no Concurso de postais de Nadal 2023 convocado polo EDLG en colaboración coa Biblioteca e co Departamento de Artes Plásticas.
1º premio: CLARA BARDANCA MALLÓN. 3º ESO B.
2º premio: UXÍA MARROZOS LOUREIRO. 1º BACHARELATO B.
3º premio: ALDARA CARRO VÁZQUEZ. 2º ESO B.
No taboleiro da entrada do instituto podedes ver as postais gañadoras.
Parabéns ás gañadoras e Felices festas!
Co gallo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, o grupo de Bacharelato do Obradoiro de Radio gravou un podcast para axudar a coñecer e poñer en valor esta institución. Fixeron especial fincapé na figura de Don Isidro Parga Pondal, xeoquímico que da nome ao noso centro, e unha das figuras claves do Seminario. O noso agradecemento e parabéns polo traballo a Xulia, Lara, Lucía, Sara, Lola, Ana, Cristina e Pablo. Velaí vos deixamos a ligazón ao programa:
O próximo mércores 13 de decembro ás 11:40 horas na sala multiusos do noso centro contaremos coa presenza de Martiño Cabana Otero, un recoñecido biólogo e membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), unha organización sen ánimo de lucro que basea a súa actividade na conservación do patrimonio natural e cultural a través dunha xestión do territorio responsable e sustentable.
A charla, organizada polo departamento de bioloxía, vai dirixida ao alumnado de 4º de ESO que cursa Bioloxía-Xeoloxía e o Proxecto Competencial de 4º, moitos deles colaboradores habituais do Proxecto "Natureza Conectada" que levamos a cabo no centro baixo o Programa de Voz Natura.
Na actualidade, esta asociación realiza e colabora en importantes proxectos como o das microrreservas da flora do Courel, que teñen unha importancia esencial na conservación das orquídeas deste espazo natural, ou o da flora melidense asociada aos solos serpentínicos da zona de Melide. Tamén levan a cabo programas para a protección das colonias de morcegos galegos e colaboran no proxecto Life Oso do Courel.
Se queredes saber máis sobre esta organización premede na seguinte ligazón: https://www.custodiadoterritorio.org/
O alumando de 2ºESO A/B vai hoxe, 24 novembro, a ver a obra de teatro “Golpes” na Biblioteca Rego da Balsa, dentro do plan Proxecta+.
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixo do currículo e os elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores.
Golpes é unha peza teatral contra a violencia machista a cargo da compañía de teatro Aantena protagonizada por Estíbaliz Veiga. Esta obra busca que os espectadores identifiquen os índices sociais de desigualdade latente entre homes e mulleres así como as diferentes formas e caras da violencia de xénero.
#proxecta+ #stopviolenciamachista
Para a conmemoración do 25 N, o día para a ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER, o alumnado da materia Proxecto Competencial dos cursos 1º, 2º e 3º ESO, traballaron durante varias sesións, na análise e reflexión sobre aquela música na que claramente non había, nin hai, unha perspectiva feminista.
E por iso, van ler hoxe aos seus compañeiros un manifesto ademais de ensinarlles os traballos que estiveron a facer na que podedes consultar aquí un fragmento.
#proyectocompetencial #25n #stopbulling #noalaviolencia
O martes 12 de decembro de 18:00 a 20:00 terá lugar no noso centro escolar un obradoiro presencial gratuíto sobre TECNOLOXÍA, SAÚDE E CONVIVENCIA para familias e docentes a cargo de Antonio Rial Boubeta, Doutor en Psicoloxía Social e Profesor da USC e investigador.
O uso das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), adoita traer consigo serios problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a adolescencia. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers amósanos unha nova xeración de mozas e mozos sorpresivamente menos felices, con máis dificultades para relacionarse, para aceptarse a sí mesmas ou para adquirir valores e competencias básicas no seu desenvolvemento como persoas.
Neste obradorio o profesor Antonio Rial, exporá datos reveladores a este respecto e convidaranos a reflexionar como comunidade, proporcionando pautas realmente útiles para o día a día.
#obradorio #educacion #tecnologia