IES Isidro Parga Pondal

Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Os nosos parabéns á alumna Zaira Rivadas Mourelle de 4º ESO D por ter acadado un premio accésit no XV Concurso Literario Rita Suárez Amado (Nivel II de Poesía), organizado polo IES Eusebio da Guarda da Coruña.  
Animamos a todo o alumnado que teña inquietudes literarias a participar na seguinte edición.
Deixámosvos un vídeo e unhas imaxes da entrega do premio á nosa alumna Zaira, celebrada o xoves, 25 de marzo no IES Eusebio da Guarda.

 

Premio Zaira Rivadas

Este 31 de marzo celébrase o Día internacional da Visibilidade Transxénero. No IES Isidro Parga Pondal realizamos durante esta semana unhas charlas/obradoiros co alumnado de ESO e Bacharelato a cargo da asociación ALAS de Coruña.

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña naceu no ano 2010 en Coruña e ten como obxectivo a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

No IES traballaron nun obradoiro de concienciación co alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º Bac durante esta semana, realizando diversas actividades.

O centro permanecerá pechado os días 1 e 2 de abril por mor da festividade de Semana Santa.

Os días 29, 30 e 31 de marzo e o 5 de abril abrirá en horario de 10:30 a 13:30 horas.

Para calquera trámite administrativo que precisen facer pódense poñer en contacto usando o correo electrónico:

ies.parga.pondal@edu.xunta.gal

Aberto o período de inscrición para probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, do 15 ao 26 de marzo de 2021, ambos incluídos.

Pode consultar a Orde do 21 de xaneiro de 2021 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021 (códigos de procedemento ED312C e ED312D) na seguinte ligazón:

Como xa sabedes, o 8 de marzo celébrase o día internacional da muller. No noso instituto conmemorámolo cunha exposición de poemas de Lola Collazo (3° ESO A) acompañados das preciosas ilustracións de Celia Botana (3° ESO C). Ditos poemas, están inspirados na obra da poeta, ilustradora e autora canadiense de orixe india Rupi Kaur (@rupikaur_).

 

Por outra banda, podedes achegarvos ao panel de exposición para ver os demáis carteis que seleccionamos para vós e tamén podedes ver nas vitrinas unha escolma de libros de todo tipo relacionados co tema.

 

 

 

O alumnado de 4º ESO quixo homenaxear as “mulleres traballadoras da súa vida”. Avoas, nais, amigas … , “brillantes activistas da vida cotiá”, mulleres loitadoras que deixarán unha pegada imborrable na historia da súa vida. Esta é unha pequena selección destes traballos.

 
 
 

 

E para rematar, aquí tendes un pequeno video de rapaces e rapazas que nos contan que pensan do feminismo, machismo ou a violencia machista. Aínda que non é noso, non deixedes de velo!

Na súa loita contra o acoso escolar o IES Isidro Parga Pondal puxo un graíño máis de área, na semana do 1 de marzo, para facer visible este problema tan importante coa colocación de vinilos con mensaxes educativas e motivadoras para o alumnado, como, por exemplo: “A única discriminada debe ser a violencia” ou “Non o permitas. Actúa!”. Esta idea partiu do equipo da biblioteca, que usou como inspiración imaxes atopadas nas redes sociais para facer os diferentes carteis. Os diferentes vinilos foros colocados en espazos comúns do centro como son as escaleiras ou o corredor. que vai á cafetería.

Ademais, quixeron facer un vinilo especial para loitar contra un dos tipos de acoso escolar máis grave que é o acoso pola orientación sexual. Deste xeito, fixeron un vinilo cunhas ás acompañado do texto “Que ninguén che corte nunca as ás” que colocaron no espazo entre o patio e a cafetería para que poida ser usado como photocall por todo o alumnado do centro e que serva de lembranza: NUNCA ninguén ten que ser discriminad@ polo feito de amar e ser amado.

Dende o IES queren agradecer a imprenta Bercom de Carballo polo seu marabilloso traballo que fará que os rapaces teñan esas importantes mensaxes no seu instituto acompañándoos día a día.

O prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso estará aberto do 1 ao 22 de marzo

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como aos de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.

As solicitudes de admisión poderán presentarse a partir do día 1, tanto de xeito telemático na aplicación ‘AdmisionAlumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) como de xeito presencial nos centros escolares que se elixan como primeira opción, prazo que permanecerá aberto ata o 22 de marzo.

A publicación das listas provisionais de persoas admitidas e non admitidas publicaránse antes do 25 de abril, e as definitivas antes do 15 de maio.

Máis información

No DOG do 12 de febreiro saíron publicadas as probas  para  a  obtención  do  título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.

O prazo de matrícula será do 8 ao 18 de marzo. A mesma poderá facerse de xeito telemático na sede electrónica ou presencialmente entregando a documentación no centro educativo.

Na web de educación da Xunta teñen máis información sobre a convocatoria e enlaces a exames de probas de anos anteriores:

O IES ISIDRO PARGA PONDAL, centro moi comprometido co noso idioma, celebrou esta semana o “Día de Rosalía de Castro 2021”. Para iso contou co apoio do alumnado e tamén dun grupo de ex-alumnos moi involucrados que realizaron unha serie de actividades encamiñadas a que toda a Comunidade Educativa puidese coñecer polo miúdo a figura da nosa poeta máis universal.

Todas as actividades estiveron protagonizadas polo propio alumnado e coordinadas polos Departamentos de Lingua Galega, EDLG e a Biblioteca do centro.

Comezouse cunha exposición sobre a homenaxeada que toda a Comunidade Educativa puido ver no taboleiro principal do centro. Nela inclúese unha liña histórica cos momentos relevantes da súa vida. 


 

 

 

Expúxose ademais nunha vitrina da planta baixa unha ampla bibliografía da poeta.  

 

 

 

Durante todos os días, emitiuse un podscat ás 8:45 e pola tarde ás 19:15 onde o alumnado de Bacharelato recitou poemas da autora. Podedes escoitar a versión completa con todos os poemas no seguinte reproductor.

 

O 24 de febreiro, data do nacemento de Rosalía, escoitouse en todo o centro ao inicio das clases unha canción cuxa temática versa sobre a súa obra Rexurdimente do grupo galego De Vacas. Despediuse a xornada cun poema musicado e interpretado por alumnado de 2º de Bacharelato: Negra sombra do compositor galego Xoan Montes.

Tamén o propio día 24, na televisión da entrada do centro estivo posto un vídeo-recital durante os recreos da ESO e Bacharelato, realizado por ex-alumnos onde fan a súa propia e emotiva homenaxe á nosa escritora.

 

Completáronse as actividades coa elaboración dun vídeo gravado no patio do centro recitando o poema Negra sombra que tamén se reproduciu na televisión da entrada nos recreos. O alumnado de cada un dos niveis educativos recitou este fermoso poema en varios idiomas: francés, castelán, galego, inglés, romanés, italiano e árabe, finalizando cunha versión musicada e cantada na que participou o alumnado de 2º de Bacharelato. O profesorado de Lingua galega encargouse de poñer nas súas clases esta gravación. Deste xeito todo o alumnado puido ver este traballo.

O Departamento de Lingua Galega e o EDLG queren dar un agradecemento especial a profesora Leticia Riestra Ainsua por toda a súa colaboración

Novas na prensa:

 - Que pasa na Costa
 - La Voz de Galicia