Skip to Content

ENREDAD@S.

O pasado martes 12 de novembro, o noso alumnado de 1º e 2º da ESO participou no obradoiro Enredad@s da man de Adrián López Agra, no que se lle ofereceron ferramentas para un uso responsable da tecnoloxía e as redes sociais de xeito que sexan quenes de xestionar o seu benestar dixital e evitar a adicción tecnolóxica.

 

Moitas grazas Adrián.

OBRADOIRO "CONECTANDO CO MEU CICLO". ASOCIACIÓN VISIBLES

Esta semana o noso alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, participou, da man de Olalla Trigo da Asociación Visibles, en colaboración coa Deputación de A Coruña, nos obradoiros " Conectando co meu ciclo".

 

Durante as sesións abordamos temas imprescindibles como o ciclo menstrual e os cambios propios da adolescencia, realidades que seguen a ser tabú en moitas aulas e ás que moitas persoas adolescentes se enfrontan en soidade e con desinformación.

MAGOSTO 24-25

Este ano, o noso centro celebrou un Magosto moi especial, no que o protagonismo estivo na celebración sostible, o respecto pola tradición e, por suposto,a convivencia da comunidade escolar.

 

A festa estivo marcada polo reparto de castañas asadas, un clásico que nunca pode faltar, acompañadas de chocolate quente, ideal para un día de outono. Todos puideron saborear estes produtos locais de tempada, fomentando así o consumo responsable e de proximidade.

Para reducir o impacto ambiental, todos os materiais e elementos empregados foron reutilizables ou biodegradables como a preparación dos cornetes para as castañas, elaborados con papel de xornais antigos, perfectos para esta celebración tradicional. Ademais, cada un trouxo a súa propia taza da casa para o chocolate quente, evitando así o uso de vasos desbotables.

O Magosto tamén incluíu música galega, combinando pezas tradicionais e temas de artistas galegos actuais, que encheron o espazo de enerxía e identidade cultural. Ademais, organizáronse diversos xogos populares que fixeron que o alumnado gozase dunha xornada entretida e participativa. Un dos grandes éxitos foi o xadrez, que atraeu a moitos estudantes, amosando o interese que esperta este xogo de estratexia e reflexión entre a comunidade escolar.

Foi unha xornada de convivencia e desfrute en comunidade, na que non só nos achegamos á tradición, senón que tamén reforzamos o noso compromiso coa sostibilidade. Grazas ao esforzo e colaboración de alumnado, profesorado e persoal, o Magosto deste ano foi todo un éxito, demostrando que é posible celebrar e coidar o planeta ao mesmo tempo.

AULA DE EMPRENDEMENTO. VISITA JIMSPORTS

Dentro das diversas actuacións levada a cabo  no marco do programa Aulas de Emprendemento, no que participa un ano máis o noso centro educativo, destacan as visitas a empresas da nosa comunidade. Un exemplo foi a visita realizada o pasado mércores 6 de novembro polo alumnado de 2º de Ciclo Medio de Xestión Administrativa e de 2º de Ciclo Superior de Administración e Finanzas ás instalacións do grupo JIMSPORTS.

O grupo JIMSPORTS, situado en Palas de Rei (Lugo), é unha empresa galega líder no sector de material deportivo e equipamento para actividades físicas. Fundada en 2006, JIMSPORTS distribúe unha ampla gama de produtos, desde material para ximnasios e instalacións deportivas ata roupa deportiva e complementos. Ademais, esta empresa é todo un referente do emprendemento no rural galego, demostrando que é posible desenvolver un proxecto empresarial sólido e competitivo desde o medio rural.

A compañía destaca polo seu compromiso coa innovación, a calidade e a responsabilidade social, así como polo seu impulso á produción local e sostible. Esta visita permitiu ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento interno dunha empresa deste calibre, observar os seus procesos de produción e distribución, e comprender mellor a realidade empresarial e as oportunidades de emprendemento no rural da nosa comunidade.

Moitas grazas a todo o persoal de JIMSPORTS pola súa marabillosa acollida.

SAMAÍN 2024

Un ano máis, na nosa biblioteca, grazas ao traballo do EDLG e do grupo de Teatro Tuéjele, sementouse o terror co gallo do Samaín.

Durante a mañá do 30 de outubro, a maxistral interpretación de diferentes relatos de terror por parte do noso grupo de teatro fixo desfrutar ao alumnado e profesorado do centro, tales como A vendedora de mistos, O violín da bruxa, O gato negro e o O reloxo. Non podemos pasar por alto a marabillosa decoración e o atrezzo empregado para a ocasión. É importante destacar que este proxecto é sostible, xa que se reutilizou decoración e material doutros eventos, reducindo así o impacto ambiental.

Salientar tamén que este tipo de actividades, así como outras que se desenvolven no centro, xiran en torno a valores fundamentais como a inclusión e a convivencia, contribuíndo á mellora da calidade educativa e promovendo un ambiente respectuoso e participativo.

GALERIA DE FOTOS

Distribuir contido


by Dr. Radut