"As palabras poden axudar a cambiar a vida e a cambiar o mundo"

          Iso pensaba Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947-Vigo, 2016), a quen queremos recordar especialmente na HORA DE LER desta semana de abril tan próxima ao 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil.

          Porque Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no conxunto do Estado. É autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros están traducidos a outras linguas: castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano, búlgaro, inglés, chinés, árabe francés e italiano.

          Ten obtido  numerosos  premios,  tanto  no  ámbito  galego  coma  no  español  (Merlín,  Lazarillo,  Edebé  Xuvenil,  O  Barco  de  Vapor,  Protagonista  Jove,  Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas...). O seu libro O único que queda é o amor obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que concede o Ministerio de Cultura.

          No  ámbito  internacional  salientan  as  catro  designacións ao  Astrid  Lindgren  Memorial  Award ou a candidatura ao premio Andersen.  O  libro O único que queda é o amor foi incluído na IBBY Honour List en 2010, como ocorrera tamén con Contos por palabras en 1992 e con Aire negro en 2002. Esta última novela foi incluída así mesmo no Catálogo White Ravens da International Youth Library de Múnic en 2001.

          Contos  por  palabras foi  considerado  como  un  dos  once  títulos  esenciais  da  Literatura Infantil e Xuvenil española do século XX por un panel de expertos durante un congreso celebrado en Santiago de Chile en 2010.

          Recibiu moitos outros premios e recoñecementos (doutor honoris causa pola Universidade de Vigo no ano 2013, por exemplo). Pero, sobre todo, os  seus  libros  gozan  do  aprecio  de  milleiros  de  lectores,  e  moitos  deles coñecen numerosas edicións: Cartas de inverno superou no ano 2016 a fronteira dos cen mil exemplares vendidos en lingua galega.

     

          No vestíbulo do instituto podes follear moitos dos títulos de Agustín Fernández Paz e ler anacos da súa autobiografía literaria.

          Na HORA DE LER, podes coñecer a importancia que lle concedía á palabra en:  Un mundo de palabras

          Ou ler Invisibles, un relato que publicara nunha campaña solidaria dentro dun volume titulado Palabras con fondo, porque as palabras poden axudar a cambiar o mundo.