Marcos Ana

 

     Aos 96 anos, despois dunha vida, aínda que longa, drasticamente recortada, faleceu Marcos Ana. Tristemente ostenta o récord de ter sido o preso que máis tempo permaneceu recluído nos cárceres franquistas: 23 anos; afortunadamente, neles fíxose poeta. Pero neles deixou anacos de vida irrecuperables para sempre. 

     Ao saír do cárcere, en 1961, tocoulle o exilio a París e, moito máis tarde, o regreso a España xa morto Franco, en 1977. Pola súa vida e obra, distribuída primeiro fóra de España e aquí só de forma clandestina, e logo xa abertamente, chegaría  a obter moitos recoñecementos. Pero o importante era, como el sempre dixo e fixo, vivir para os demais, loitar polos outros. 

     Como exemplo da actitude de loita que nunca depuxo serve moi ben o título do seu derradeiro libro: Vale la pena luchar (2013).

     A notoriedade maior chegoulle, non obstante, ao publicar no ano 2007 as súas memorias, Decidme cómo es un árbol. Memoria de la prisión y la vida.