Conmemoración do Día das Letras Galegas

     Para celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, desde a biblioteca preparamos un enigma sobre o insigne Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906 – 1996) para que o alumnado de 3º da ESO o resolvese, consultando ou ben na exposición do vestíbulo, dedicada a el, ou ben a través da rede nos ordenadores da biblioteca e puidese así informarse algo sobre o persoeiro homenaxeado este ano 2015.

     Foi un eminente historiador, arqueólogo, antropólogo, escritor de abundante produción literaria e humanística, político e etnógrafo. Alén disto, estudou a carreira de Dereito e obtivo o doutoramento en Filosofía e Letras, Sección de Historia. Tamén foi director da sección de Historia da Literatura no Seminario de Estudos Galegos, do Museo de Pontevedra e do Consello da Cultura Galega. Membro da Real Academia da Historia, da Real Academia da Lingua Galega e tamén do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, entre outras fundacións. Ademais, foi promotor da Coral Polifónica de Pontevedra, do Coro do Instituto de Pontevedra e do Orfeón do mosteiro de Poio.


     Este erudito é un referente internacional na lírica trodaboresca, cancioneiros musicais, guías de historia e ensaio. Os máis coñecidos son os artigos dos nove volumes de “Adral” (1979-1996) nos que aborda a cultura galega desde campos diversos. As pedras angulares no seu proxecto son a música no Camiño de Santiago, o Códice Calixtino, os trobadores galego-portugueses, as Cantigas de Santa María e as panxoliñas. Divulgou a Mártin Códax, o Padre Sarmiento, a “Festa dos maios”...


     Entre outros moitos recoñecementos, recibiu a Medalla Castelao, o Premio Otero Pedrayo, foi membro da Comisión de Honra na xunta directiva da Comisión Internacional de Valleinclanistas, outorgóuselle o Premio Galego do ano pola Orde da Vieira, foi nomeado Doutor Honoris Causa polas Universidades de Santiago e  Vigo e recibiu Premio das Letras e das Artes de Galicia o ano do seu falecemento.