IV Lecturas Clásicas

      Como xa vén sendo habitual, pois imos pola cuarta edición, celebramos o Día do Libro lendo aos clásicos. E este ano -como non!- tocaba ler o Quixote, só o Quixote, e non con outros textos como en ocasións anteriores. Porque este ano celebramos o IV centenario da publicación da súa segunda parte. As IV Lecturas Clásicas integrámolas, polo tanto, nas actividades que realizamos ao longo desta semana de abril como unha máis das organizadas  para festexar tal efeméride.

     Con máis ou menos entusiasmo e certa dedicación, alumnado de 1º de bacharelato e algún grupiño de 4º da ESO preparou na súa versión orixinal a lectura dramatizada dalgúns fragmentos significativos de capítulos, sobre todo da segunda parte, da novela de Cervantes. Achegamos así a todo o público do 2º ciclo da ESO e mais de 1º de bacharelato a esta obra, presente nos programas académicos e que, coas actividades que se levaron a cabo, se cadra lles resultará algo máis próxima e asequible. É o que pretendemos e desexamos.