8 de marzo. Día Internacional da Muller

8 DE MARZO

Día Internacional da MULLER

          Dende a biblioteca queremos contribuír a facer visible o papel da muller cunha exposición no vestíbulo sobre a presenza de mulleres na ciencia –tamén cunha presentación na pantalla- (vaia o agradecemento a Pilar Ogando por ceder eses materiais), e unha representación do traballo de mulleres de distintos ámbitos na propia biblioteca.

          Vai e mira!

 

          As Nacións Unidas celebran este DÍA desde 1975, que foi Ano Internacional da MULLER. Pero a defensa da igualdade ten unha longa tradición de non menos de noventa anos na que se materializa a reivindicación plurisecular da muller por participar na sociedade igual có home; e esta loita afunde as súas raíces xa na antiga Grecia. A idea, non obstante, dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, nun mundo industrializado, en expansión e crecemento fulgurante e turbulento.

          Desde sempre unha chea de fitos inzan a historia da loita das mulleres. Moitas teñen demostrado a súa capacidade para ocupar o posto que reivindican en pé de igualdade cos homes.

          Nese longo percorrido, oficialmente celebrouse hai vinte anos en Beijing un congreso histórico do que saíu unha Declaración que asinaron 189 gobernos coa intención de que se materialicen os dereitos das mulleres. Desde aquela téñense conseguido moitos logros pero aínda as brechas son moitas e fondas.