Os libros gostan da viaxe e da sorpresa, agardan nas baldas dos andeis, nos expositores, nas Caixas de Lectura e nas Mochilas Viaxeiras por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.
[Clica na imaxe ou aquí para acceder á Galería]
Asemade, as Maletas Viaxeiras do CFR permítennos levar libros á casa para compartilos coa familia: ese libro de poemas que tanto nos gustou, cheo de palabras fermosas; esas lindas imaxes dun volume de banda deseñada que tanto nos abraiaron; un libro que investiga no tema que andamos a estudar….
[Clica na imaxe ou aquí para acceder á Galería] |
Na Biblioteca, durante os primeiros quince días do mes de novembro, estivo exposta a magnífica escolma de poesía que contiña a Maleta Viaxeira deste xénero. Hogano e até o día 15 de decembro está á disposición do alumnado e da súas familias, varios exemplares dos mellores autores contemporáneos de banda deseñada, tanto en lingua galega coma castelá, representantes das actuais tendencias neste xénero. Poden consultarse na sala ou prestarse para casa.
Deixamos as seguintes suxestións para realizar cos vindeiros préstamos ofertados polo Centro de Formación do Profesorado (CFR) de Vigo:
-Reforzar actividades sobre banda deseñada, organizadas na Biblioteca ou nalgunha das aulas.
-Estimular a lectura dos cómics de calidade, e dos libros de poesía, entre os membros da comunidade educativa.
-Organizar unha exposición de cómics, novelas gráficas e volumes de poesía, de diferentes estilos.
-Estimular actividades como encontros con autores, elaboración de banda deseñada, debates…
-Converter a banda deseñada, e a poesía, nuns xéneros protagonistas da Biblioteca durante unha tempada.
-Apoiar a posta en marcha de obradoiros de cómic.
-Apoiar a presenza de autores/as galegos/as de banda deseñada, e poesía, na Biblioteca escolar e nas propostas de lectura.
-Mergullarse nunha obra determinada, seleccionada pola súa calidade, o tema que trata, o autor, ou o espazo no que discorre a historia….e tomalo como motivo para un proxecto de traballo de carácter interdisciplinar, con propostas de busca de documentación en soporte impreso ou electrónico.