Los personajes del Quijote: tradición y modernidad

          O venres día 26, o catedrático de Literatura española da Universidade de Vigo, especialista na literatura dos séculos XVI e XVII, director do Anuario “Hesperia” de Filoloxía Hispánica, Presidente de Honra (despois de presidila entre 2004 e 2012) da Asociación internacional de Cervantistas…, don José Montero Reguera, acudiu por terceira vez ao noso instituto para contarnos algunhas cousas das que tanto sabe sobre o inmortal libro de Cervantes.


          A súa conferencia versou nesta ocasión sobre os personaxes do Quixote. Co seu didactismo habitual falou da oportunidade coa que Cervantes fai protagonista do seu libro –que non se pode chamar novela a aquelas alturas-  a un membro da escala máis baixa da nobreza, un simple fidalgo, contrapoñéndoo así aos heroes das novelas de cabalaría que ridiculiza e tamén achegándoo aos que protagonizaban as historias de éxito na época, as picarescas, que acadaron o seu apoxeo co Guzmán de Alfarache.
          A súa disertación foi amena e non chegou case o tempo para que falase da importancia do diálogo na construción desa singular parella de personaxes que –sen ser necesaria na primeira saída de don Quixote- será extraordinariamente rica en todos os sentidos a partir da segunda saída e ata o remate da segunda parte da obra.
          Co noso agradecemento habitual, agardamos novas ocasións para seguir aprendendo co profesor Montero.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Los personajes del Quijote: tradición y modernidad