2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil

 

 

Xabier P. Docampo

(Rábade, Lugo, 1946 – A Coruña, 2018)

          Mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista, promotor da lingua e da cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares, traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos no programa educativo  Preescolar na casa. Sempre estivo relacionado cos movementos de renovación pedagóxica: a súa tarefa intégrase na chamada Nova Escola Galega e pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación.
          Deu cursos a profesores e relatorios en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Escribiu libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico. Foi tamén actor e director de teatro e colaborou durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato.

          É un dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega.

          En 1995 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Cando petan na porta pola noite, seleccionada así mesmo como unha das cen mellores obras do século XX español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

          Participou activamente na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, de cuxa Xunta directiva formou parte durante cinco anos, dous deles como presidente. Colaborou semanalmente no programa da Radio Galega Un día por diante cun comentario literario.

          Entre os títulos que publicou no ámbito da literatura infantil e xuvenil atopamos:

  • O misterio das badaladas (Vía Láctea, 1986).
  • A chave das noces (Vía Láctea, 1988).
  • A casa da luz (Xerais, 2002), adaptada ao cine.
  • A illa de todas as illas (Xerais, 2013), Premio da AELG á mellor obra de literatura infanto-xuvenil do 2013.
  • Nube de neve (Oqueleo, 2017)

          Outras obras narrativas do autor son, por exemplo:

  • O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008), Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado no 2008, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Infantil-Xuvenil no 2008 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil no 2008.
  • A nena do abrigo de Astracán (Xerais, 2017), Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa de 2017 e Premio á mellor obra narrativa por na Gala do Libro Galego do 2018.