Ficha técnica
O MERCADO/ TA MATETE
AUTOR: PAUL GAUGUIN
CRONOLOXÍA: (1892) ÚLTIMO TERZO SÉCULO XIX
MOVEMENTO: POSTIMPRESIONISMO
TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO
TEMA: DESCRITIVO
LOCALIZACIÓN: KUNSTMUSEUM (BASILEA)
Gauguin comezou de forma tardía a súa dedicación á pintura. Defraudado polo mundo que o rodeaba e atraído polo primitivismo de Bretaña e das noticias que lle chegaban da vida dos habitantes dos mares do Sur, abandonou Francia e desprazouse a Tahití en 1891, onde se instalou definitivamente en 1895 ata que as autoridades coloniais o obrigaron a fuxir ás illas Marquesas.
Na súa procura do primitivo, o artista inspirouse para realizar esta obra nun fresco exipcio que decoraba unha tumba tebana da XVIII dinastía, exposto no Museo Británico e do que Gauguin posuía unha reprodución, o artista toma case ao pé da letra o motivo das cinco mulleres sentadas nun banco, así como o das figuras en movemento do fondo. A torsión convencional dos bustos, que se ven de fronte mentres que o resto da figura aparece sentada de perfil, produce unha impresión de artificiosidade, nunha paisaxe que a pesar dos troncos pintados de azuis e o primeiro plano silueteado a modo de puzle segue sendo tipicamente tahitiana.
Unha muller aparece de pé en primeiro plano, cortada debido á influencia da fotografía, como xa fixera anos antes Degas nas súas pinturas. Resulta interesante a alegre decoración do pareo da rapaza e a postura do seu pé, visto desde arriba, xogando coas dobres perspectivas.
O trazo máis sorprendente deste cadro colorista son os xestos, como de baile, das mans das mulleres, que tal vez reproduzan os movementos das bailarinas xavanesas que Gauguin vira na Exposición Universal de París de 1889 e que tanto o impresionaran.
As figuras non teñen volume nin corporeidade e recórtanse, case planas, sobre o fondo. O artista presentou xa certa arbitrariedade na elección cromática, con cores que responden máis ben á súa imaxinación e non a unha natureza real. Non existe movemento nin tampouco unha marcada expresividade, pero o primitivismo dos xestos, a paisaxe e as cores transmiten serenidade e frescura en comparación coa cultura occidental.
Temática
As protagonistas desta obra eran prostitutas que atoparon a súa clientela entre os turistas occidentais que frecuentaban o mercado de Papeete e que representan unha velada crítica cara á situación desencadeada polos foráneos que pisaban aquelas terras.
Cando Paul Gauguin chegou ao seu paraíso en 1891, os colonialistas franceses e os misioneros cristiáns xa destruíran gran parte da cultura do lugar. Os tahitianos descritos nas súas lecturas preparatorias xa non existían.
A idealización dos paraísos coloniais é un tema creado desde o centro dos países colonizadores ao que contribuiron artistas, como neste caso Paul Gauguin.
Gauguin afastouse do impresionismo e adoptou un estilo menos naturalista. Atopou a súa inspiración na arte indíxena, nas vidreiras medievais e nos gravados xaponeses, ademais de incorporar ás súas composicións as vantaxes da invención da fotografía.
As súas atrevidas experimentacións coa cor constituíron o antecedente directo do fauvismo, mentres que a forza das súas formas influíu no pintor noruegués Edvar Munch e en Emil Nolde da escola expresionista.