Saltar navegación

Impresión, sol nacente

Ficha técnica

IMPRESIÓN, SOL NACENTE

AUTOR: MONET

CRONOLOXÍA: (1872) ÚLTIMO TREZO DO SÉCULO XIX

MOVEMENTO: IMPRESIONISMO

TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO

TEMA: PAISAXE

LOCALIZACIÓN: MUSEO MARMOTTAN (PARÍS)

Comentario

Sobre un fondo nebuloso, no que, con dificultade, se adiviñan os paus dos grandes barcos mercantes e as chemineas fumeantes das factorías do porto, o sol, representado por un pequeno círculo alaranxado, ábrese paso iluminando as tranquilas augas mariñas. Nelas, e achegándose ao espectador, navegan tres pequenas embarcacións a remo.

Neste cadro, Monet prescinde dos criterios convencionais de representación, polo que, obedecendo só ás emocións suscitadas pola captación directa dos diferentes elementos naturais, abandona a práctica académica de perfilar e detallar os obxectos. Todo o que aparece no lenzo é froito dun conxunto de pinceladas, brillantes e dinámicas, que só insinúan e conseguen con iso unha sorprendente sensación de esbozo.

En canto ás cores, domina o ton azul-cinzento da tenue brétema, co que o pintor envolveu toda a obra. Paralelamente, contrasta o laranxa do sol e o seu reflexo luminoso. A elección de ambas dúas cores complementarias responde ao feito de que o pintor coñece a lei do contraste simultáneo, descuberta en 1839 polo químico francés Eugène Chevreul. Segundo esta lei, a xustaposición de dúas tonalidades complementarias fai que a intensidade de ambas as dúas sexa maior, o que permite abandonar o tradicional sistema de claroscuro.

Temática

Impresión, Sol nacente mostra unha apracible vista do porto de le Havre, onde Monet pasou a súa mocidade. Nesta obra recorre a un dos temas preferidos da época: a plasmación dos reflexos da luz sobre a auga. Pode apreciarse tamén o interese que suscita no pintor francés a vontade de captar a presenza e influencia da atmosfera na natureza. Isto fai, por exemplo, que apenas se poidan discernir con claridade as formas das embarcacións do fondo (desmaterialización dos obxectos).

Esta obra presentada en 1874, deu nome ao movemento tras as duras palabras que publicou na revista satírica Le Chavivari o pintor, dramaturgo e crítico de arte Louis Leroy.

Este, baseándose no cadro de Monet, titulou ironicamente a súa crítica “Exposición dos impresionistas”. Este enunciado aludía ao carácter poco definido do cadro, e chegou a afirmar que “o papel de empapelar en estado embrionario está máis coidado que esta pintura”.

A obra de Manet non pode entenderse sen a experiencia pictórica da escola de Barbizon e a influencia da obra do paixasista William Turner. Dos primeiros herdou a defensa da pintura ao aire libre (à plein air). Do artista inglés, Monet recolleu a vaporosa sensación da atmosfera e as variacións da luz.

Monet achegou á arte un claro elemento de ruptura en relación ao tradicional sistema de percepción e representación, e a súa experimentación serviu de base para as posteriores revolucións postimpresionistas e vangardistas.