Skip to Content

Blogues

PROXECTO "DINOSAURIOS"

PROXECTO "DINOSAURIOS"

 

Na escola de San Lourenzo tivemos un final de curso do mais trepidante! Todo comezou nun día normal. Chegamos ao cole, e no momento de entrada relaxada atopamos un mapa da nosa aula e un obxecto que descubrimos que era unha lanterna de luz negra! Que curioso... E se apuntamos coa lanterna ao mapa? Sorpresa! En diferentes puntos da clase apareceron marcas e cando fomos a mirar nos lugares marcados... había uns tarros con fichas dentro de diferentes cores e una caixa pechada cun candado de números! Cal sería a combinación? Percatámonos entón de que as fichas dos tarros tiñan as mesmas cores que os números do candado, así que ocorréusenos contar cantas había de cada cor e meter o número correspondente na súa cor no candado... e conseguimos abrir a caixa! Dentro había un ovo misterioso e unha folla do diario de Mary Anning.

 

E aquí comezou a nosa investigación. Quen era Mary Anning? Descubrimos que foi a primeira paleontóloga coñecida... pero que é unha paleontóloga? Pois alguén que se dedica a escavar en busca de restos de dinosaurios! Sería por tanto un ovo de dinosaurio? Os dinosaurios poñen ovos? Teríamos que investigar mais sobre os dinosaurios para sabelo! Mans á obra!

 

O primeiro que investigamos foi se estaban extintos ou non. E achamos que a día de hoxe non existen os dinosaurios como tal por dúas razóns: ou ben se extinguiron polas numerosas erupcións volcánicas, ou ben por mor dun meteorito. Sen embargo, soubemos que algúns dinosaurios pequenos sobreviviron e evolucionaron ata converterse algúns en réptiles e outros... en aves!

 

Entón, experimentamos en vivo e en directo a erupción dun volcán. Si, si! Creamos un volcán con plastilina e botámoslle dentro bicarbonato, vinagre e colorante vermello. Así, puidemos observar como o magma de dentro subía ata saír polo cráter e comezaba a deslizarse pola ladeira do volcán, converténdose en lava e destruíndo todo ao seu paso.

 

 

E que pasa cos meteoritos? Pois investigamos descubrimos que son rocas (algunhas xigantescas, de tamaño de todo o concello de Meis, como o que caeu na Era Mesozoica) que veñen do espazo e caen no noso planeta, podendo provocar moita destrución e desastres naturais, como a extinción dos dinosaurios. Así, con moita expectación, lanzámonos ao areeiro do cole e observamos a destrución que poden provocar os meteoritos lanzando pedras contra a area e medindo cunha regra os cráteres que deixaban, anotando posteriormente o seu diámetro. Pobres dinosaurios!

 

Pero que características teñen estes seres? O primeiro que pescudamos é que eran réptiles, e que algúns tiñan a pel escamosa e outros... plumas como as aves! E xogamos a adiviñar se nos estaba tocando nos pes un dinosaurio escamoso ou un con plumas! Que cóxegas!

 

 

Despois, descubrimos que eran ovíparos. Entón o ovo que apareceu na caixa si era de dinosaurio! Despois de probar durante varios días a deixalo na calor do sol, aplicando o aprendido sobre as aves e a incubación dos ovos no proxecto anterior, apareceu na nosa clase unha nova páxina do diario de Mary Anning, onde dicía que probara a metelo en auga porque estaba duro como unha pedra e había que abrandalo... e despois de varios días, funcionou! O ovo abriuse e del saía un pequeno dinosaurio.

 

 

Pero que comería? Averiguamos entón que había dinosaurios carnívoros (que comen carne doutros dinosaurios ou seres vivos), herbívoros (que comen plantas) e omnívoros (que comen de todo). E que os carnívoros teñen dentes moi afiados, mandíbulas moi fortes e garras, mentres que os herbívoros teñen as bocas mais pequenas e débiles e comen pedras para poder dixerir as plantas. E inventamos un xogo de mesa que nos encantou! Escollemos un dinosaurio (é carnívoro ou herbívoro?) e tiramos un dado, avanzando tantas casillas como nos indique. Se o dinosaurio é carnívoro, o obxectivo é chegar a comer outros dinosaurios. Se é herbívoro, o obxectivo é comer cantas mais plantas mellor. Cando un carnívoro ataca a un herbívoro, o herbívoro ten que devolver unha das plantas que comeu e comezar noutra casilla. E se un carnívoro ataca a outro carnívoro, os dous tiran un dado e o que saque o número mais alto é o que come ao outro (que volverá a comezar noutra casilla). Pasámolo en grande! E quedounos ben clariño a dieta de cada un...

 

Pero o dinosaurio saído do noso ovo era un pouco peculiar... tiña ás! Así, investigamos que os dinosaurios vivían en diferentes hábitats: aire (teñen ás como as aves), auga (teñen aletas) e terra (teñen unhas patas fortes). E coas pezas soltas da nosa aula, creamos de xeito colaborativo os tres hábitats, e xogamos a buscar diferentes dinosaurios agochados pola aula e clasificalos no seu hábitat correspondente en función das súas características físicas.

 

 

E finalmente, aprendemos tamén que eran vertebrados e que por iso podemos saber hoxe en día que existían, porque deste xeito os paleontólogos e paleontólogas poden atopar os seus ósos e restos fósiles na actualidade. Así que nos convertemos en paleontólogos por un día e puxémonos mans á obra escavando no xacemento do noso areeiro, onde atopamos fósiles de diplodocus, triceratops, tiranosaurios rex e estegosaurios, empregando as ferramentas dos paleontólogos: cinceis e pinceis para limpar o polvo mais fino. Encantounos!

 

 

E para rematar este proxecto, e coincidindo co final de curso (e de ciclo), desfrutamos dunha instalación mesozoica onde o pasamos en grande!

 

 
  
 
 

DE EXCURSIÓN...

DE EXCURSIÓN, FOMOS TODO O CRA DE EXCURSIÓN Á ECOGRANXA RIO MOURO. VIMOS, ACARIÑAMOS E DEMOS DE COMER A MOITOS ANIMAIS, ADEMÁIS DE PLANTAR E LEVARNOS PARA CASA UNHA LEITUGA. SEN FALTAR POR SUPOSTO, UNHA ESTUPENDA MERENDA QUE ALÍ NOS AGARDABA, CON RICO BISCOITO, PICOS DE PAN, HUMUS, CENOIRAS E FROITA, TODO RIQUÍSIMO!

  

QUEREMOS DAR AS GRAZAS Á DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA POR NOS CONCEDER A AXUDA: VIVE O RURAL, Á DIRECCIÓN DO CENTRO POR XESTIONALA, Á A.N.P.A. POR AXUDAR ECONOMICAMENTE E Ó CONCELLO POR POÑER OS AUTOBUSES. ENTRE TODOS CONSEGUIMOS UNHA EXCURSIÓN ESTUPENDA A MOI BO PREZO.

GRAZAS!

 

 

Diseño de MONICA

MES DA RECICLAXE

NESTE MES DE MAIO CONMEMÓRASE O DÍA DA RECICLAXE, UNHA ACCIÓN MOI IMPORTANTE PARA A CONSERVACIÓN DO MEDIO AMBIENTE. PERO MOITO MÁIS IMPORTANTE E PREVIO É REDUCIR A CANTIDADE DE LIXO QUE QUEDA TIRADO POLO CHAN.  CONCIENCIANDO ÓS NOSOS NENOS E NENAS, O MARTES SAÍMOS Á RIBEIRA DO NOSO RÍO PARA FACER UNHA BATIDA DE RECOLLIDA DE LIXO, TRES BOLSAS DE BASURA RECOLLEMOS, SENDO A GRAN MAIORÍA DE PLÁSTICO. PLÁSTICO QUE CON ESTA ACCIÓN, ADEMÁIS DE CONCIENCIAR SOBRE A NECESIDADE DE MANTER O MEDIO LIMPO, EVITAMOS ACABASE NO MAR.

FUMOS POUCO TEMPO E POUCAS PERSOAS, PERO TRES BOLSAS DE BASURA RETIRAMOS, IMAXINADE SE TODOS E TODAS ESTIVESEMOS CONCIENCIADOS...

 (Preme na imaxe)

PROXECTO "AVES"

PROXECTO "AVES"

 

Que atarefadas/os estivemos nas últimas semanas! Todo comezou así:

 

Rabuñoso precisaba a nosa axuda e nós non íamos dicir que non! Puxémonos mans á obra e comezamos unha investigación exhaustiva sobre quen sería o que se fixo caca na súa cabeza… e chegamos á conclusión de que tiña que ser un paxaro! Pero que paxaro sería?

 

Para descubrilo, fixemos unha lista con todas as aves que coñecíamos (que non eran poucas!). Pero todas elas vivían na nosa contorna? Todas podían voar? E todas tiñas unhas patas que lles permitían pousarse nas árbores? Respondendo a estas preguntas, fomos descartando algunhas delas... e engadindo outras grazas ás outras escoliñas do noso CRA, que nos deron ideas cos seus disfraces de Entroido!

 

Aínda así, tiñamos moitas aves que nos cadraban con esas características. Por onde empezar? Por sorte, uns días mais tarde, ao saír ao patio, atopamos unha nota misteriosa acompañada dunha pluma laranxa:

 

 

E que paxaros teñen plumas laranxas? O primeiro no que pensamos foi no paporrubio e comezamos a investigar... Pero uns poucos días mais tarde, tivemos unha visita inesperada! Unha pequena paporrubio, á que chamamos Laranxiña, veu á nosa clase con unha nota que dicía que ela non foi! Que alguén se fixera pasar por ela! Como podía ser?

 

Por sorte, Laranxiña quixo quedar connosco para axudarnos a resolver este misterio, e así, seguimos investigando outras aves: o picapeixe, a andoriña e a bubela foron os primeiros, pero grazas á axuda de Laranxiña descubrimos que ningún deles era o culpable! Ao descartar como sospeitosa á bubela Bela, Laranxiña e ela foron á árbore na que acontecera todo... E sorpresa! Atoparon algunhas plumas... negras! E quen ten plumas negras?

 

Investigamos ao picapau e ao moucho con estas novas pistas, e o moucho, coa súa sabedoría e misterio á par, contounos unha adiviñanza para axudarnos a atopar ao culpable:

Se o misterio queredes resolver,

unha pista vos darei:

voa no ceo cun gran misterio,

todo negro, tan singular.

Co seu canto imita,

e o seu graznido vibra.

Quen é este paxaro esperto,

que nos fai mirar ao ceo descuberto?

 

E que paxaro que coñecemos é todo negro? O corvo! Puxémonos a investigalo e descubrimos que é a ave mais intelixente do mundo e que sabe imitar moi ben a outros animais e mesmo aos humanos. Sería el quen se fixo pasar por Laranxiña ao principio da nosa investigación? Todo cadraba!

 

O certo é que ao día seguinte de que acháramos estes datos, recibimos unha última nota, esta vez do corvo:

 

 

Misterio resolto! E polo camiño, aprendemos un montón de cousas sobre as aves! Sabiades que os paporrubios só viven un ano e que os seus ovos son azuis? E que o picapeixe parece azul, pero en realidade ás súas plumas son marróns? Ou que a andoriña fai os seus niños en forma de iglú invertido e que migra no inverno a sitios máis cálidos? E que a bubela faise caca no niño para espantar co seu tufo fedorento aos depredadores? Ou que o picapau é capaz de picar 15 veces por segundo nos troncos das árbores? E que o moucho é capaz de xirar a cabeza case de todo? E que todas as aves teñen en común que son ovíparas, teñen plumas, ás e peteiros, e son vertebradas? O mundo das aves é ben interesante para todo aquel que se queira mergullar!

 

 

 

PROPOSTAS

 

 

SAÍDA “A DEVESA DAS RAPIÑAS”

 

A DEVESA DAS RAPIÑAS

NON PODEMOS ESTUDAR AS AVES SEN FACER UNHA SAÍDA A VER ALGUNHA MÁIS DAS QUE VEMOS NA NOSA CONTORNA, POLO QUE  COLLEMOS O BUS E SAÍMOS DE EXCURSIÓN Á "DEVESA DAS RAPIÑAS".

ALÍ PASAMOS UNHA MAÑÁ MOI INSTRUTIVA E DIVERTIDA, VIMOS MOITAS AVES DE RAPIÑA: DIFERENTES TIPOS DE ÁGUIAS,  FALCÓNS, VOITRES, MOUCHOS, BUFOS, E OUTRAS QUE NON ERAN DE RAPIÑA, COMO A CEGOÑA.

FIXEMOS UN DESCANSIÑO PARA MERENDAR, E LOGO LLE DEMOS A MERENDA A UN VOITRE E MESMO NOS SOBREVOOU AS CABEZAS.

MIRADE, MIRADE!

 


EXCURSIÓN A DEVESA DAS RAPIÑAS 24 - Kizoa Movie Maker

SEMANA DA ÁRBORE E DA AUGA.

ESTAMOS NUNHA SEMANA MOI IMPORTANTE PARA A VISIBILIZACIÓN DA NECESIDADE DO COIDADO DO MEDIO AMBIENTE.

O 20 DE MARZO CHEGA A PRIMAVERA, NO C.R.A.  REALIZAMOS CONVIVENCIAS ENTRE ESCOLAS PARA FACER TRES SAÍDAS Á CONTORNA DAS ESCOLAS DE SAN LOURENZO, DE SAN MARTIÑO E DE SAN TOMÉ.

FOI UN DÍA CHEO DE EMOCIÓNS E APRENDIZAXES. COMEZAMOS A XORNADA CONTANDO O CONTO DE PÉTALA, NO QUE VIMOS A IMPORTANCIA DA AUGA, LOGO FIXEMOS UN EXPERIMENTO SOBRE O CICLO DA AUGA E POR ÚLTIMO REALIZAMOS UNHA SAÍDA Ó RÍO.  NELA PUIDEMOS ESCOITAR CANTOS DE PAXAROS E ATA VIMOS E RECOÑECEMOS ALGÚN, E VALORAMOS A IMPORTANCIA DA AUGA E DAS ÁRBORES.

 


CONVIVENCIA SEMANA DA ÁRBORE E DA AUGA - Kizoa Movie Maker

PLANTACIÓN DE AMORODOS

NESTA ÉPOCA DO ANO TOCA REPOÑER OS AMORODOS PARA NA PRIMAVERA DELEITARNOS CON ESTA FROITA TAN SABOROSA E SAUDABLE.

.                  

DÍA DE ROSALÍA

O 23 DE FEBREIRO CONMEMORAMOS O DIA DE ROSALÍA DE CASTRO.

COMO ESTAMOS A TRABALLAR AS AVES DA CONTORNA, QUIXEMOS LEMBRARNOS DE ROSALÍA CO  SEU POEMA  "EU BEN VIN ESTAR O MOUCHO"( POEMA 16 DA SÚA OBRA CANTARES GALEGOS).  E APRENDENDO A CANCIÓN QUE O VERSIONA, "O MOUCHO"  DE MIGALLAS.


DÍA DE ROSALÍA 24 - Kizoa Movie Maker
Distribuir contido


by Dr. Radut