PROXECTO "DINOSAURIOS"
Na escola de San Lourenzo tivemos un final de curso do mais trepidante! Todo comezou nun día normal. Chegamos ao cole, e no momento de entrada relaxada atopamos un mapa da nosa aula e un obxecto que descubrimos que era unha lanterna de luz negra! Que curioso... E se apuntamos coa lanterna ao mapa? Sorpresa! En diferentes puntos da clase apareceron marcas e cando fomos a mirar nos lugares marcados... había uns tarros con fichas dentro de diferentes cores e una caixa pechada cun candado de números! Cal sería a combinación? Percatámonos entón de que as fichas dos tarros tiñan as mesmas cores que os números do candado, así que ocorréusenos contar cantas había de cada cor e meter o número correspondente na súa cor no candado... e conseguimos abrir a caixa! Dentro había un ovo misterioso e unha folla do diario de Mary Anning.
E aquí comezou a nosa investigación. Quen era Mary Anning? Descubrimos que foi a primeira paleontóloga coñecida... pero que é unha paleontóloga? Pois alguén que se dedica a escavar en busca de restos de dinosaurios! Sería por tanto un ovo de dinosaurio? Os dinosaurios poñen ovos? Teríamos que investigar mais sobre os dinosaurios para sabelo! Mans á obra!
O primeiro que investigamos foi se estaban extintos ou non. E achamos que a día de hoxe non existen os dinosaurios como tal por dúas razóns: ou ben se extinguiron polas numerosas erupcións volcánicas, ou ben por mor dun meteorito. Sen embargo, soubemos que algúns dinosaurios pequenos sobreviviron e evolucionaron ata converterse algúns en réptiles e outros... en aves!
Entón, experimentamos en vivo e en directo a erupción dun volcán. Si, si! Creamos un volcán con plastilina e botámoslle dentro bicarbonato, vinagre e colorante vermello. Así, puidemos observar como o magma de dentro subía ata saír polo cráter e comezaba a deslizarse pola ladeira do volcán, converténdose en lava e destruíndo todo ao seu paso.
E que pasa cos meteoritos? Pois investigamos descubrimos que son rocas (algunhas xigantescas, de tamaño de todo o concello de Meis, como o que caeu na Era Mesozoica) que veñen do espazo e caen no noso planeta, podendo provocar moita destrución e desastres naturais, como a extinción dos dinosaurios. Así, con moita expectación, lanzámonos ao areeiro do cole e observamos a destrución que poden provocar os meteoritos lanzando pedras contra a area e medindo cunha regra os cráteres que deixaban, anotando posteriormente o seu diámetro. Pobres dinosaurios!
Pero que características teñen estes seres? O primeiro que pescudamos é que eran réptiles, e que algúns tiñan a pel escamosa e outros... plumas como as aves! E xogamos a adiviñar se nos estaba tocando nos pes un dinosaurio escamoso ou un con plumas! Que cóxegas!
Despois, descubrimos que eran ovíparos. Entón o ovo que apareceu na caixa si era de dinosaurio! Despois de probar durante varios días a deixalo na calor do sol, aplicando o aprendido sobre as aves e a incubación dos ovos no proxecto anterior, apareceu na nosa clase unha nova páxina do diario de Mary Anning, onde dicía que probara a metelo en auga porque estaba duro como unha pedra e había que abrandalo... e despois de varios días, funcionou! O ovo abriuse e del saía un pequeno dinosaurio.
Pero que comería? Averiguamos entón que había dinosaurios carnívoros (que comen carne doutros dinosaurios ou seres vivos), herbívoros (que comen plantas) e omnívoros (que comen de todo). E que os carnívoros teñen dentes moi afiados, mandíbulas moi fortes e garras, mentres que os herbívoros teñen as bocas mais pequenas e débiles e comen pedras para poder dixerir as plantas. E inventamos un xogo de mesa que nos encantou! Escollemos un dinosaurio (é carnívoro ou herbívoro?) e tiramos un dado, avanzando tantas casillas como nos indique. Se o dinosaurio é carnívoro, o obxectivo é chegar a comer outros dinosaurios. Se é herbívoro, o obxectivo é comer cantas mais plantas mellor. Cando un carnívoro ataca a un herbívoro, o herbívoro ten que devolver unha das plantas que comeu e comezar noutra casilla. E se un carnívoro ataca a outro carnívoro, os dous tiran un dado e o que saque o número mais alto é o que come ao outro (que volverá a comezar noutra casilla). Pasámolo en grande! E quedounos ben clariño a dieta de cada un...
Pero o dinosaurio saído do noso ovo era un pouco peculiar... tiña ás! Así, investigamos que os dinosaurios vivían en diferentes hábitats: aire (teñen ás como as aves), auga (teñen aletas) e terra (teñen unhas patas fortes). E coas pezas soltas da nosa aula, creamos de xeito colaborativo os tres hábitats, e xogamos a buscar diferentes dinosaurios agochados pola aula e clasificalos no seu hábitat correspondente en función das súas características físicas.
E finalmente, aprendemos tamén que eran vertebrados e que por iso podemos saber hoxe en día que existían, porque deste xeito os paleontólogos e paleontólogas poden atopar os seus ósos e restos fósiles na actualidade. Así que nos convertemos en paleontólogos por un día e puxémonos mans á obra escavando no xacemento do noso areeiro, onde atopamos fósiles de diplodocus, triceratops, tiranosaurios rex e estegosaurios, empregando as ferramentas dos paleontólogos: cinceis e pinceis para limpar o polvo mais fino. Encantounos!
E para rematar este proxecto, e coincidindo co final de curso (e de ciclo), desfrutamos dunha instalación mesozoica onde o pasamos en grande!
Adxunto | Tamaño |
---|---|
2.mp4 | 16.89 MB |
9 (1) - Compressed with FlexClip.mp4 | 32.18 MB |