Patronaxe

Proxecto de Ciclo Superior: A n d r e a M o d a

O PROXECTO DE ANDREA

Con moita ilusión Andrea presenta “A n d r e a M o d a” un pequeno comercio dedicado á confección de prendas para eventos, con dúas opcións de mercado, a compra e o alugueiro das prendas, así coma un taller multidisciplinar no que os valores como a reciclaxe e a sostibilidade son prioridade. Unha vez ó mes, Andrea realiza un taller DIY (‘’Do It Yourself’’) simplemente porque en AndreaModa son coñecedores que ás persoas contemporáneas gústalles facerse cousas para elas mesmas. Todo isto realizase nun espazo aberto á colaboración, participación e formación colectiva dos empregados. ¿A quen non lle pasou algunha vez ter que repetir vestiario nalgunha primeira comuñón, voda ou bautizo por falla de presuposto? Pois para que isto non ocorra, Andrea propón o alugueiro de prendas, un xeito de non repetir vestiario dunha forma económica.  

                           

Presenta un vestido curto por enriba dos xeonllos, dianteiro con costadillo redondo e escote en pico rematado cunha vista interior entreteada e pespunte de carga, cinturilla con forma e manga xamón 3/4. Nas costas o vestido está aberto e rematado cunha vista interior, saia fruncida e cremalleira invisible no centro traseiro. Petos en ámbolos dous laterais da saia incrustados na costura. Tanto o baixo da saia, e o puño da manga, van rematados co forro de xeito que toda a prenda queda embolsada. Cremalleira de 20cm no centro traseiro.

Proxecto de Ciclo Superior: INNA

O PROXECTO DE CRISTINA

 

Cristina escolleu coma nome para o se proxecto INNA, así é como a pequena sobriña de Cristina comezou a chamala a ela, collendo as derradeiras sílabas de Cristina e engadindo un “N” para darlle un toque máis persoal e para que soe mellor.

En INNA, Cristina pretende crear prendas con actitude, que cando calquera muller vista as súas prendas, síntase empoderada e segura, dándolle ás prendas un valor emocional e non só económico. En INNA lévanse a cabo tódolos procesos, tanto o seu deseño, coma a patronaxe e a confección. A finalidade é que as clientas síntanse especiais levando as prendas de INNA, as prendas adáptanse a elas e ó seu estilo, dando así un servizo de personalización, tanto como para decoralas como para adaptalas o seu corpo. As personalizacións van dende quitar algún aplique que inicialmente leva a prenda, ata poder trocalo tecido, o tipo de puño que leva a prenda, cambiarlle o tipo de escote.... entre outras ideas, calquera cousa que se lles pase pola cachola, en INNA intentarase facela realidade, partindo sempre dos deseños iniciais da marca... así, as clientas, séntense participes do deseño.

Cada prenda contará cunhas unidades limitadas, para darlles unha esencia máis exclusiva. Por outro lado, en INNA iranse facendo pequenos cambios para intentar deixala menor pegada posible no planeta, así os envíos realizaranse en paquetes elaborados con millo, reducindo así o emprego do plástico. Cristina escolleu para o seu proxecto un vestido asimétrico, moi especial, cunhas cores vivas e cheas de enerxía, que representan a marca e que reflicten a ilusión de Cristina.

                           

Vestido curto asimétrico, con manga abullonada no brazo dereito, rematada cun dobladillo dobre. Corpo con costadillo francés no dianteiro e nas costas. O lado esquerdo-dianteiro palabra de honra, axustado, facendo unha forma redondeada na parte superior. O lado esquerdo das costas é recto, e para o cerre ten unha cremalleira na parte central. A parte inferior dianteira leva dúas capas superpostas, a superior con dous pregues inclinados, e a inferior é lisa con dúas pinzas para axustala. Ámbalas partes fan unha forma redondeada dende a cintura ata o baixo do
costado, rematadas cunha vista interior entreteada, facendo así un efecto tulipán. Leva dous petos escondidos nas costuras dos costados á altura da cadeira. Nas costas leva unha costura no centro e unha pinza a cada lado, cunha abertura simple no baixo do centro traseiro. Tanto a parte superior, coma a inferior están forradas e rematadas con vistas entreteadas. A manga vai rematada na sisa cun bies.

Proxecto de Ciclo Superior: AV Atelier

O PROXECTO DE AROA 

 

AV Atelier é a marca de moda creada por Aroa Veiga, centrada na creación de prendas artesás, cunha patronaxe innovadora, onde a calidade, personalización, comodidade e versatilidade son os eixos fundamentais que caracterizan as prendas que se elaboran en AV Atelier, sempre seguindo o bo facer que caracteriza á xastraría.
Aroa sempre estivo vinculada ó mundo da artesanía. Tivo a oportunidade de formar parte de varias empresas do sector, coma o atelier do Plumassier Serkan Cura en París, o cal realiza parte das ás que caracterizan os desfiles de Victoria’s Secret. Tamén traballou coma asistente durante catro anos do gran patronista xaponés Shingo Sato (as técnicas que caracterizan a Shingo Sato son empregadas por Aroa para facer o origami da manga do top e o pantalón presentadas por Aroa no proxecto). Ademais participou en empresas de carácter máis industrial, coma Maria Moreira ou a marca internacional Desigual. A isto hai que sumarlle a súa máis recente experiencia na xastraría Raúl Rodríguez en Béjar, realizando a FCT do noso ciclo superior de Patronaxe e Moda. Ademais imparte cursos de tintes ou tecedura, este último grazas a que posúe a carta de artesá galega, nas modalidades de confección e complementos da moda. Toda esta experiencia profesional, xunto coa formación académica en deseño e no ciclo superior de Patronaxe e Moda, Aroa pretende envorcalo en AV Atelier.

A gran artesanía tradicional téxtil conseguía ofrecer un produto a medida para cada consumidor, converténdoa en única. Co paso do tempo, e a excepción das grandes casas da moda, a artesanía non sufriu unha gran evolución en canto a deseño. Coma consecuencia, actualmente non ofrece un produto acorde cos desexos e necesidades do mercado, no que a personalización e a diferenciación cobran cada vez máis importancia, especialmente no público máis novo e vangardista. Aroa Veiga pretende ofrecer unha resposta a esta necesidade, cun produto versátil, cómodo e con siluetas e patróns que se saen da norma.  
“Recoger el buen hacer de la artesanía clásica, llevándolo a la actualidad”, “La belleza de la artesanía nunca pasa de moda” Este é o Slogan creado por Aroa, no que se reflicte a alma da marca, é a busca por darlle valor á artesanía, aproximándose a un mundo actualizado, ás tendencias do momento, á xuventude, mostrando a súa beleza dun xeito innovador.

Para o seu proxecto Aroa xoga cos tecidos e siluetas clásicas para crear un produto innovador e mostrar que a artesanía segue tendo un oco no mundo dominado polo fast fashion. Nesta primeira colección, as siluetas están inspiradas e construídas coa técnica do gran patronista xaponés Shingo Sato.

 

Presenta un traballo meticuloso, un conxunto de top con pantalón. O top por enriba do embigo, con cremalleira negra de nylon aberta YKK no centro dianteiro, falsa capucha nas costas e na zona do canesú dende o dianteiro, traslado pinza de peito e talle a ombro prolongando ó canesú das costas facendo o efecto de falsa capucha, o cal leva uns atacados para suxeitala capucha a 4cm dende o ombro e a 2 cm do escote, e un pespunte,
tamén para suxeitala capucha, de +/-7cm no centro das costas na zona do escote. A parte baixa das costas está dividida en tres partes, unha peza central e dúas pezas laterais. A parte interior do top está confeccionada co mesmo tecido exterior. Mangas con pregues intercalados en orde descendente, “origami” e puños lisos sen pregues. Tódolos pregues da manga están reforzados cunha entretea no interior. En canto ó pantalón, é longo e recto, de talle alto con cinturilla recta e botón de presión. Pespunte ó canto na costura da cinturilla co pantalón. Pregues cruzados intercalados no lateral en orde descendente “origami” e peto oculto nun dos primeiros pregues. Con forro interior e baixo do forro cosido ó tecido principal. Cremalleira negra de nylon no centro dianteiro sen pespunte de adorno.  
A simple vista resalta a complexidade da patronaxe, dende a falsa capucha ata o origami da manga do top e do pantalón.

A escalaxe, feita no equipo informático de patronaxe da aula, Lectra PGS Modaris V12, tamén resultou ser moi complexa xa que tanto o pantalón como a manga teñen que ir incrementando de tamaño talla a talla para axustarse á táboa de medidas co incentivo de ter que escalar tódolos pregues do origami. Tamén non resultou menos dificultosa a confección xa que para darlle consistencia ós pregues houbo que entretear soamente os pregues exteriores.

ENLACE  https://www.instagram.com/av.atelier.av/

Proxecto de Ciclo Superior: Hilo y mimo

O proxecto de Uxía

Hilo&Mimo é o nome escollido por Uxía para o seu proxecto. Uxía pretende elaborar prendas para eventos sociais. As prendas de Hilo&Mimo teñen un deseño orixinal e unha patronaxe impecable e favorecedora. Elabóranse pe

quenas colecciones cápsula compostas por diversos deseños, coa posibilidade de realizalos axustes precisos na prend

a para que se axuste perfectamente á persoa.En Hilo&Mimo realízanse tódolos procesos produtivos necesarios para a elaboración das coleccións. Dende o proceso de deseño, patronaxe, escalado e corte, ata os procesos de confección, acabados, probas e arranxos, co fin derradeiro de garantir un resultado óptimo, satisfacendo as expectativas da clientela.

Presenta un vestido mini, asimétrico e axustado, composto por dous tecidos elásticos: tul plumeti na parte superior e unha sarga elástica na inferior. O dianteiro con escote barco, leva na parte superior o tecido tul plumeti, facendo formas onduladas, redondeado cóncavo no peito esquerdo, forma convexa no centro e na parte dereita elevase chegando ó ombro. A parte inferior do vestido empregase a sarga elástica. Leva costadillo francés (onde van trasladadas as pinzas de peito e talle) a parte inferior dereita leva unha abertura simple no costado, partindo desde a cadeira. Isto último repítese tamén nas costas.

Escote barco tamén nas costas, leva na parte superior o tecido de tul plumeti, o igual que no dianteiro, pero con formas onduladas máis profundas. En troques, as mangas, cada unha é dun tecido diferente, a manga dereita está confeccionada en sarga elástica e a manga esquerda en tul plumeti. O escote do vestido vai rematado cun vivo do mesmo tecido e pespunte ó canto de 3mm. As bocamangas van rematadas cun dobladillo dobre e pespunte ó canto. O baixo do vestido leva un dobradillo de 3 cm, o cal vai unido a unha vista de 4 cm, rematando a abertura do costado dereito, tamén cosida a man cunha puntada invisible. Cremalleira invisible no costado esquerdo. Costura francesa no tecido de tul plumeti, no ombro, costado da manga e sisa.
Ligueta para que non se deformen as curvas das costuras onduladas do tul plumeti coa sarga elástica.

ENLACES:
https://www.facebook.com/hiloymimo/
https://www.instagram.com/hiloymimo/

Proxectos de Ciclo Superior: Vargas Lemos

O proxecto de Sara Martínez Rodríguez

“Vargas Lemos” é o nome escollido por Sara para o seu proxecto. Xa que por costume só se empregan os primeiros apelidos de cada persoa para herdar os apelidos co nome, Sara quixo que os segundos apelidos dos seus pais puidesen perdurar na historia da súa familia e que mellor xeito que poñelo como nome principal para o seu proxecto. 

O seu slogan é: ‘‘No cambies para encajar en la moda, haz que la moda encaje contigo’’ con el Sara quérese referir tanto ás modas do momento coma ós talles estandarizados polo sector. Preténdese realizar todo o proceso completo deseño-patronaxe-confección de prendas a medida de alta calidade. En Vargas Lemos preocúpanse de manter unhas liñas de deseño actuais e o gusto da clienta coas que atender as necesidades de tódalas mulleres que acoden ó seu atelier. Cada vez máis demandase e valorase máis as prendas únicas, creadas especialmente para unha persoa. Poder presumir de pezas únicas, onde a clienta ademais puido tomar decisións sobre a futura prenda. 

Presenta un vestido americana, cun longo mini. O vestido leva ombreiras de 1cm de groso xunto cun churro para darlle forma á copa da manga, ten unha solapa ampla e o cruce vai con botoadura dobre, con 4 botóns de 2,5cm e 40 liñas. Posúe dous petos de plastrón forrados a ámbolos lados da prenda na parte dianteira, cun volante fruncido de tul bordado a man por todo o redor. Traslado de pinza ó talle-costado na altura da cintura, cun vivo de tecido cosido enriba do corte previamente entreteado baixo o peto de plastrón. Manga xastre, na abertura da manga leva tamén un volante de tul bordado a man por toda a bocamanga e na abertura.

No baixo leva tamén volante de tul bordado a man, pero desta vez non vai fruncido, senón que son volantes circulares. Nas costas ten unha costura central, o forro interior con fuelle. Tódalas vistas do baixo e das mangas van separadas como patróns independentes para poder introducir o tul. Na parte inferior e superior da sisa, entre o forro e o tecido leva cosido unhas tiras de tecido para unir ámbolos dous tecidos (forro e tecido).

O colo exterior vai ó lomo e o colo interior cortado ó bies con costura central. Cran de 8cm. Toda a prenda intercala dúas cores, o branco e o negro, facendo contraposición de cores, o mesmo efecto de contraposición de cores tamén vai no interior da prenda, é dicir, no forro. Os volantes de tul están bordados a man por Sara, xa que foi un xeito de regresar ós seus inicios, cando estudiaba o bacharelato, Sara facía bordados, e como lle gustaba o mundo da moda, á hora de decidir que estudiar ó rematar o bacharelato, decantouse por cursar o ciclo superior de FP Patronaxe e Moda. 

 

 

 

Distribuir contido