Skip to Content

EDLG

Magosto chuvioso

O venres 10 de novembro celebramos o magosto no cole e tivemos uns convidados de luxo: o alumnado e profesorado do CEIP o Castiñeiro de Laza.

Foi unha celebración moi especial, xa que comezamos a mañá cuns deliciosos boliños preñados e zumes. Despois, o alumnado dos dous centros compartiu o tempo de lecer.

Aínda que chovia non deixamos que as inclemencias do tempo nos estragaran a festa. O magosto é unha ocasión perfecta para gozar ao aire libre, da natureza e dunha boa fogueira pero axiña atopamos unha alternativa perfecta: o pavillón!

Neste espazo, comezamos cunha dinámica de grupos para que o alumnado se fose coñecendo e interactuara. Gozamos de distintos xogos populares e de habilidade con castañas. Actividades que permitiron compartir momentos de harmonía e convivencia tanto entre o alumnado como o profesorado do CEIP O Castiñeiro de Laza, foi unha excelente oportunidade para facer novas amizades e pasar unha xornada do máis enriquecedora.

Tivemos un xantar especial que rematamos con doces e castañas, o complemento perfecto para gozar dun menú cheo de sabor e tradición. A convivencia e compartir momentos agradables nun ambiente festivo, son os valores que se fomentan con este tipo de actividades, que ademais contribúen a manter vivas unhas tradicións tan nosas.

Gañadores/as da V edición do Concurso de Cabazas

A V edición do Concurso de Cabazas organizada polo centro, logrou reunir un total de 20 propostas, entre as que o xurado, conformado polo alumnado do centro e o profesorado, escolleron un total de tres. O premio de Educación Infantil foi para David Pereira, e nas aulas de Educación Primaria para Gael Álvarez e Ysabella Carrasco.

Cascos, naves especiais, foguetes ou o propio universo foron algunhas das propostas máis chamativas desta quinta edición dun concurso xa asentado e que sempre achega traballos moi orixinais. E é que nas Vendas, temos moito nivel!!!

Parabéns aos gañadores/as e grazas a todo o alumnado por participar!

 

SAMAÍN - HALLOWEEN 2023

Aquí podedes ver o ben que o pasamos celebrando o Samaín e o Halloween no centro. Decoramos o colexio de xeito arrepiante, tivemos por quinto ano consecutivo o Concurso de Cabazas, gozamos dun menú absolutamente aterrador, disfrazámonos de cousas terroríficas,   e ademais participamos nun escape room. Ao rematar de comer o profesorado escoitou un son estraño, portas que se pechaban, golpes, alguén lles comunica aos mestres/as que o colexio está blindado e que non se pode saír... salvo que se superen unha serie de probas,  enigmas e quebracabezas. O noso alumnado, coma xa é habitual, non decepcionou!!! Empregou as súas capacidades intelectuais, creativas e de razoamento, xunto co traballo en equipo para conseguir saír do cole e salvarnos a todos/as! Parabéns pola habilidade!!!

Agardamos que gocedes deste terrorífico vídeo do Samaín!

 

#DígochoEu

Este curso decidimos presentar esta proposta para participar no Concurso que organizou o #DígochoEu para seleccionar a distintos centros educativos de toda a Comunidade Autónoma co obxectivo de gravar un capítulo con Esther.

Argallamos unha idea ben xeitosa onde demos renda solta á nosa imaxinación. E que tema escollemos? A castaña!!! Aquí vos deixamos un anaco do que nos gustaría facer.

FESTA DA CASTAÑA E DO COGOMELO DE RIÓS

Con motivo da Festa da Castaña e do Cogomelo do noso Concello decidimos facer un vídeo. Aprendemos moitas curiosidades sobre estes alimentos tan ricos!!!

Aquí no Riós somos moito de comer e celebrar!!! Animámosvos dende o centro a que participedes nesta festa tan nosa onde as grandes protagonistas, como non pode ser doutro xeito, son a castaña e o cogomelo, os produtos dos que tanto aprendemos no traballo de investigación que fixemos. Agardamos que vos guste o vídeo que aquí vos deixamos.

Nós xa estamos listas e listos! Festa rachada!!!

Vexo, Vexo Xacobeo 2023

O luns 19 de xuño o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou no Programa Vexo Vexo Xacobeo dentro do Plan Proxecta do noso centro.

Este programa educativo multidisciplinar achega ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo e traballa estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural e consta dun conxunto de actividades que mostran a riqueza do patrimonio cultural e natural do Camiño de Santiago, e traballa os valores que o definen como son o esforzo, a solidariedade, a hospitalidade e o respecto polas diferenzas.

Temos que agradecer a colaboración da Agrupación de Protección Civil e, en especial a Manel e Vicente e ao Concello de Riós pola súa colaboración para a posta en marcha desta xornada de aprendizaxe fóra da escola.

"Santiago non é a fin do camiño, senón o principio."

Paulo Coelho

Xogos de sempre

Un ano máis contamos con Lito do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo que foi o encargado de poñer en marcha dúas sesións de xogos cos alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. 

O principal obxectivo do centro é promover todo tipo de actividades encamiñadas a recuperar, conservar e difundir a cultura tradicional galega. O alumnado amosou moita motivación e interese polo que agardamos que sexan quen de lembrar e esparexer a riqueza do noso patrimonio inmaterial. 

Mirade que ben o pasamos! 

 

Letras Galegas 2023

Este ano as Letras Galegas están adicadas ao autor Francisco Fernández del Riego, que naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913. Realizou un traballo constante e recoñecido a favor da lingua e cultura galegas. Cursou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e Madrid. Ao rematar a guerra civil, trasladouse a Vigo onde participa na creación da Editorial Galaxia e na revista Grial. Autor de numerosas publicacións e impulsor de diversas actvidades culturais. No 1997 foi nomeado presidente da Real Academia Galega. Fernández del Riego faleceu en Vigo o 26 de novembro de 2010.

O martes 16 de maio celebramos o festival das Letras Galegas no noso centro con distintas actuacións das que aquí tedes a mostra.

O galego fainos únicos!

O xardín de Rosalía

Rosalía de Castro é unha figura fundamental para a lingua e a cultura galega. Constitúe todo un emblema en Galicia e, por iso, o alumnado do centro conmemorou, este xoves 23 de febreiro, a data de nacemento da escritora galega máis universal elaborando un “Xardín de Rosalía” con anacos dos seus poemas escritos nun xardín de flores.

Dentro vídeo!

Desfile de Entroido 2023. Foi todo un éxito!

E chegou o gran día! O 16 de febreiro os nenos e nenas do cole saíron á rúa para lucir os seus mellores disfraces que con tanto esforzo se prepararon durante as derradeiras semanas. E vendo o resultado podemos afirmar que foi todo un éxito!

O alumnado do noso cole foi o verdadeiro protagonista nesta xornada matutina chea de cor e brillantina.

Este foi un día moi importante para nós e para o noso centro porque encabezamos por primeira vez na historia do cole o desfile Infantil e os nervios eran moitos!

Unha xornada tan especial que ben seguro tardarán en esquecer.

Grazas a todos/as os que formamos parte da Comunidade Educativa do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira, o desfile de Entroido deste ano foi alucinante!

O noso agradecemento tamén para aquelas familias que se involucraron co centro na confección e elaboración dos traxes e como non aos Concellos de Riós e en especial ao de Verín por facer que fose posíbel!


Distribuir contido


by Dr. Radut