Complementarias e Extraescolares

Festival de Fin de Curso

O xoves 21 despediamos o curso escolar cun festival no patio do colexio. Os nenos e nenas de Infantil fixeron un popurri de cancións facendo referencia ao conto Cores que trata duns ratiños moi coloridos.


Despois virían os de Primaria con diversas actuacións dende os clásicos Michael Jackson ou Elvis Presley, pasando por bailes tradicionais como a Troika rusa ata éxitos máis actuais como os de Justin Timberlake, Justin Bieber ou Chayanne.

 

Algunhas alumnas de 6º, participantes do obradoiro "Let's Sing A Song" atrevéronse a cantar a canción Let it go da banda sonora Frozen. 

A continuación realizouse o acto de graduación do alumnado de 6º de Infantil e 6º de Primaria. Tras recibir o diploma de rigor entoaron unha versión en galego do tradicional Gaudeamus e outra de Mike Oldfield.

Para pechar o festival, foliada total! Algúns profes animáronse a tocar unha muiñeira á que que se sumaron os alumnos/as nun macrobaile.

Máis fotos no seguinte álbum. E aquí un video resume de todo o festival:

Bo verán e boas vacacións!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Festival Fin de Curso

Festa da Auga

O día prestouse para unha das actividades máis agardadas polo alumnado nesta fin de curso. Hoxe tocaba "Festa da Auga" e ninguén quedou sen mollar. Mirade, mirade...

  

 

O noso agradecemento ás familias que promoveron esta xornada.

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Festa da Auga

Un día de moita actividade, Galipark

Os nenos e nenas de 3º desprazáronse ata Padrón o pasado martes onde disfrutaron dunha morea de actividades no parque Galipark Aventura: tirolina, tiro con arco, lásertag, inchables, pista de xeo, piscina, tobogán de auga...

 

Máis fotos...

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Excursión 3º: Galipark

Andamos un tramo do Camiño Inglés

O pasado venres, alumnado e profesorado de 5º e 6º de Primaria do noso centro e tamén do CEIP do Camiño Inglés, propuxémonos percorrer o trazado do Camiño Real ou Inglés polo noso concello. Contamos coa presenza de Manuel Pazos, historiador e responsable da biblioteca pública municipal. Desprazámonos en bus ata Carrás, na localidade de Montaos nos límites do veciño concello de Ordes. Dende alí, comezamos a camiñata pola Baxoia cara Deixebre. Tras achegarnos á antiga reitoral para observar o reloxo de sol, paramos a descansar e merendar na milagreira Fonte da Santiña, sempre atentos/as ás explicacións de Manolo. Despois continuamos por Oroso, onde paramos a visitar o Castro de Vilalbarro, un dos mellor conservados do concello coa súa croa e o seu foso. Continuariamos por Oroso Pequeno, e atravesando o Parque do Carboeiro entrariamos en Sigüeiro. A última parada sería a Ponte Medieval de Sigüeiro, que delimita Oroso e Santiago. Baixamos a observar os seus arcos e voltamos ao colexio.

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Tramo do Camiño Inglés

Saída fin de curso 5º e 6º: Illas Cíes

O martes 12 os alumnos/as e mestres de 5º e 6º do CEIP de Sigüeiro desprazámonos ata Vigo onde colleriamos o catamarán que nos levaría ata as Illas Cíes.

  

Alí realizamos un roteiro guiado cuns monitores. Despois xantaríamos na Praia de Rodas, considerada a mellor praia do mundo segundo o xornal británico The Guardian. Pero coidado! As gaivotas querían probar do noso xantar!

 

Á tarde, comezarían os xogos na praia e despois de mercar un xeado ou un refresco emprenderiamos de novo rumbo a Vigo. Pero as sorpresas non remataban aí. Durante a viaxe de volta, os monitores puxeron musica na cuberta do barco e todos nos contaxiamos e nos puxemos a bailar. Unha auténtica festa! 

  

E xa temos as primeiras fotos da xornada:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Illas Cíes

SAÍDA FIN DE CURSO INFANTIL (Granxa-escola "Belelle")

Finalizamos o mes de maio realizando a última saída deste curso 2017/2018. Achegámonos a Neda para disfrutar dunha xornada completa en contacto coa natureza e rodeados de animais. Non paramos nin un só minuto, agás para comer e así repoñer forzas e poder continuar cos diferentes talleres que levamos a cabo. Aquí vos deixamos as fotos desta excursión que fixemos en conxunto todo o alumnado de infantil.

 

Máis fotos no seguinte álbum:

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Granxa-escola "Belelle"

Os de 4º van de excursión a Ourense

O alumnado de 4º fixo unha saída á cidade de Ourense. Primeiro visitamos o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, no que realizamos un obradoiro moi interesante sobre arqueoloxía e os achádegos que no propio castro se atoparon. Tamén vimos e imaxinamos como eran as grandes cidades da prehistoria durante a visita ao castro.

 

Despois de xantar, partimos cara a cidade para visitar a Ourense termal. O tren turístico achegounos ás termas de Outariz onde apreciamos a calidez das súas augas. E xa para rematar, merendamos á beira do río miño para partir de volta á casa.

 

A pesar da chuvia, foi un día xenial! Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Excursión a Ourense

Donkey Xote

O alumnado de 4º desprazouse ata a Fundación SGAE para asistir á reproducción da longometraxe Donkey Xote. 

Máis fotos no seguinte álbum:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Donkey Xote

Coñece as túas institucións

O pasado venres o alumnado de 5º visitou as sedes dos poderes lexislativo e executivo de Galicia: o Parlamento e a Xunta dentro do programa "Coñece as túas institucións". Alí coñeceron de primeira man o funcionamento e as competencias de cada institución, así como a separación de poderes que garante a democracia. E algúns ata se sentiron deputados subindo ao estrado e pronunciando os seus discursos!

 

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Coñece as túas institucións

Letras Galegas 2018: Romaría das Letras

A véspera do Día das Letras Galegas celebrámola ao grande con exposicións e obradoiros de traxe galego e instrumentos da música tradicional galega e cunha romaría final na que non faltou de nada, sen esquecernos iso sí da homenaxeada desta edición Mª Victoria Moreno.

Ás 10h comezaban as visitas ás exposicións e obradoiros. Asun, explicábanos no salón de actos as diferentes prendas que conforman o traxe tradicional galego de muller e de home, dende a cabeza ata os pés. Que saias tan fermosas, que mantelos, que zocos...! Algúns ata se atreveron a probar algunha prenda!

  

No patio 2, coñeciamos a catro grandes músicos do noso concello: Miguel, Laura, Carlos e David que tocan no grupo "Néboas no Cumio". Eles mostráronnos un montón de instrumentos da música tradicional galega dende o bombo, o tambor ou a pandeireta ata o clarinete, o acordeón ou a gaita. Aprendemos un montón de cousas sobre eles, escoitamos como soaban e ata puidemos tocar e bailar con eles. Que ben tocan e bailan estes rapaces!

  

Ao mesmo tempo, na biblioteca proxectábanse videos sobre a nosa lingua e tamén sobre Mª Victoria Moreno e a súa obra. 

Tralo recreo, comezaba a romaría. E coma en toda romaría, a música e o baile non podían faltar. O alumnado, dende 4º de infantil ata 6º de Primaria bailou a muiñeira "Buxos Verdes" que levaban ensaiando semanas antes nas clases de E.F. con Andrea e Marcos e tamén con Asun en Infantil. A continuación, soou o himno galego ao violín, guitarra e piano interpretado por alumnado do centro baixo as ordes de Begoña. Despois tería lugar a entrega de premios do concurso das Letras Galegas 2018 organizado polo EDLG. Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a "Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten. Pero a festa non rematou aí, pois os músicos de Néboas, mestres e alumnado continuariamos tocando e bailando para celebrar a saúde das nosas letras.

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

(Mª Victoria Moreno)

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Letras Galegas 2018: Obradoiros e Romaría