Blogues

DÍA EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO. (25 - 11 - 2022).

   O 25 de novembro conmemórase o "Día en contra da violencia de xénero".

   Nesta ocasión colaboramos coa campaña da biblioteca municipal de colocar lazos morados en diferentes lugares de Bóveda.

   Velaquí os nosos lazos co lema decidido por cada aula.

V ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO (10 - 11 - 2022).

  O xoves 10 de novembro participamos na "V andaina escolar polo camiño de inverno" convidados pola "Asociación camiños de Santiago pola Ribeira Sacra".

  Saímos do centro ás 10:15 horas para chegar ao punto de encontro no local social de Reigada en Monforte de Lemos dende onde o alumnado de Primaria realizou o tramo de camiño que leva ata o parque dos Condes. Ata alí tamén se desprazou camiñando o alumnado de Infantil facendo un percorrido máis pequeno que comezaba no Campo da Virxe.

  Foi unha xornada moi animada que puidemos compartir con outros nenos e nenas dos centros escolares da nosa contorna.

ALUMNADO E FAMILIAS DECORAN BÓVEDA COAS CABAZAS DO OBRADOIRO (30 - 10 - 2022).

  O mal tempo deunos unha tregua o domingo así que a través da ANPA convocamos ás familias para levar as cabazas do obradoiro ata a residencia Domus VI e tamén colocalas por Bóveda en lugares ben visibles.

 

 

 

MAGOSTO E SAMAÍN NO NOSO COLE. (28 - 10 - 2022).

  Este venres tivemos dúas celebracións no noso cole:

  Primeiro foi a festa de Samaín que se levou a cabo no ximnasio. Baixando as escaleiras adentrámonos no fabuloso túnel do terror e comezou a nosa sesión de xogos.

  Xogos con castañas, con globos e xogos de pistas ocuparon boa parte da mañá. Despois de moito correr e saltar subimos ao pavillón onde Martín (pai de Maia) e Carlos (pai de Dylan e Daniela) nos prepararon un rico magosto no tambor.

  Foi unha xornada estupenda chea de risas e diversión, lástima que a auga non nos permitiu repartir as nosas cabazas polos cruces de camiños de Bóveda nin levarllas ata a residencia Domus VI (seguro que algo se nos ocurrirá para solucionalo.)

 

 

FAMILIAS E PROFES MONTAN O TÚNEL DO TERROR (26 e 27 de outubro 2022).

  As tardes do 26 e 27 de outubro dedicáronse a crear un túnel do terror para a nosa celebración do Samaín. Ata contamos cun cadaleito de verdade!!

  Moitísimas grazas a todas as familias que nos mandastes decoración e ás que viñestes para montar todo!

  Sodes xeniais!!

OBRADOIRO DE CABAZAS (27 - 10 - 2022).

  Ao longo desta semana, as familias do alumnado, mandaron ao cole cabazas e castañas para a nosa celebración do Magosto - Samaín.

  Moitas grazas pola vosa colaboración!

  Ademais, María e Luís (nai e pai de Xila) e Yolanda (nai de Theo), acompañáronnos  no obradoiro  para axudarnos a transformar as cabazas en caveiras arrepiantes coas que espantar os nosos medos!

  Quedaron estupendas!!

 

A PRIMEIRA MEDIA DUCIA DE OVOS. (26 - 10 - 2022).

  Comeza nesta semana o reparto de ovos do noso gaiñeiro para as familias que manifestaron o seu desexo de levalos para a casa.

  Iremos en orde de lista, dende o alumnado máis pequeniño ata o alumnado de maior idade.

  Comeza Valentina, que marchou feliz coa súa maletiña para transportalos!

 

ANTÓN LOPO: texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE (Día da Biblioteca 2022)

Antón Lopo

 A primeira vez que entro en Xistral teño dez anos. Eu aínda leo a Enid Blyton, novelas de ciencia ficción de Clark Carrados e contos de fadas que me trae a miña curmá dos Xerifas, ademais de incursións ailladas na literatura para adultos, basicamente Anna Karenina de Tolstoy e Que o ceo a xulgue de Ben Ames Williams. Vou á Xistral porque o meu amigo Jorge Vila me di que abriron unha librería "fantástica e modernísima" nas galerías Fontecha e ningún dos dous queremos perdermos a experiencia.

 

 

       Nada máis chantarnos diante do escaparate da Xistral, quedamos fascinados. Era un espazo branco, como unha nave espacial do 2001 de Kubrick [acababámola de ver no cine]. Pero en vez de computadoras, había libros [nunca viramos tantos xuntos]. A partir dese día [desa visita ao espazo interestelar], non hai tarde que non pasemos por Xistral, sexa para mercar un lápiz ou escoitar falar a Saleta Goy e Manuel María de temas que se nos antollaban arraianos coa ilegalidade [de puro cósmicos]. A luz de Manuel acrecéntase cando me entero de que é o autor de Os soños na gaiola, o libro que me descubrira no galego o don da escrita [un cargueiro espacial flotando no universo]. Porque ao entrar en Xistral todos sentimos que podiamos ser astronautas.

 

Antón Lopo

 

Outubro 2022

 

 

 

Publicado orixinalmente na bitácorla do Colectivo LEMOS LE

Distribuir contido