Melloras nas instalacións do colexio

A Xunta de Galicia vai acometer unha reforma das instalacións do colexio CEIP Ramón de Valenzuela, en Silleda, co fin de facelas máis confortables e máis sostibles, seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta dos próximos anos para actuacións nos centros educativos galegos.

Así o anunciou onte o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro educativo para presentar os detalles das obras que se van a levar a cabo e que suporán un investimento de preto de 400.000 euros por parte do Goberno galego.  

Segundo explicou o conselleiro, o proxecto foi licitado hoxe mesmo e, unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de tres meses.

Os  traballos abranguen a reforma dos aseos da planta baixa e da primeira planta, así como a colocación de falso teito e iluminación tipo led na primeira planta.   Así mesmo, procederase á substitución das cubertas planas do teito da planta baixa, da zona de acceso ao centro e da zona traseira por outras novas de similares características. E no patio cuberto cambiarase a cuberta inclinada de fibrocemento por outra de panel sándwich.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet