HISTORIA
O topónimo Quiroga deriva de queiruga, nome do brezo común moi abundante nesta zona.
O poboamento nesta comarca está constatado desde épocas prehistóricas como evidencian os restos megalíticos de Quintá de Lor e Vilar de Lor, e os asentamentos de tipo castrexo, moi abundantes como: Centeais, Bendilló ou Ares. A maior parte deles vinculados á defensa das rutas polas que se movía o ouro procedente das explotacións feitas polos romanos e situadas nas cuncas dos ríos Sil, Lor, Soldón e Quiroga.
En Montefurado perforouse o monte para desviar o curso do río Sil polo túnel e crear un lavadoiro de mineral xigantesco.
Da época do cristianismo consérvase o "crismón" da Ermida, peza única datada a finais do século IV ou principios do século V, que podería estar relacionada coa existencia na zona dunha basílica ou un mausoleo paleocristián.
Da Idade Media consérvase a capela de San Xoán en Hospital.
Dende o S.XIII ata o S.XIX a Orde de San Xoán de Xerusalén, tamén coñecida como os Hospitalarios ou Orde de Malta, situou nesta terra a cabeza dunha das sete encomendas que tiña repartidas por Galicia, coa misión de protexela vía do camiño de inverno que cruzaba estas terras partindo de Vega de Valcarce. O núcleo de Hospital, coa Igrexa de San Salvador, e as ruinas do Castelo de Torre Novaes, recordan esa presenza.