Skip to main content

PDI

QUE VES TRAS DA VENTÁ? #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #FamiliasnaBE #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal

Unha actividade de observación da paisaxe realizada polo alumnado de 1º.

A ver tamén se aprende, este é un ollar detido, mirar, reparar no que ves, achar,

ver cambios dun día ao seguinte, pois a natureza cambia, hai acción humana...

Por exemplo, un dos días apareceu un tractor a tocar na area, ao seguinte o

alumnado reparou nos cambios. As árbores dos tarais están nese cambio

primaveral, herbas e flores comezando a medrar...

O andar rápido, a rutina crea grandes problemas de observación,

hoxe máis ca nunca temos que ensinar a ver.

Estes pequenos e pequenas naturalistas están aprendendo a observar.

 

 

 

VISITA BIÓLOGAS - ARCE #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A través da Asociación Arce, recibimos a visita de Victorina Rey Quintiana,

Mari Carmen Rodríguez Tizón e María José Leira Ambrós biólogas coas que contactou

Camilo. Elas aportaron unha inmensa documentación ao proxecto, sobre a

flora e a fauna da nosa contorna, no que estamos inmersos.

Biólogas, alumnado e mestras conversaron sobre: cadeas tróficas, o paseo do Condomiñas,

o bosque de galería, a flora autóctona, as invasoras...

Adobiaron a conversa cunha presentación e un vídeo que quedou

para uso do alumnado e que consideramos de gran valor documental.

Agora con esa documentación e o tríptico realizado por elas e enviado polo

Concello de Cedeira, poderán realizar un percorrido para atopar as especies estudadas.

Agradecer a todos os implicados a súa colaboración!

 

 

 

 

II RUTA INTERXENERACIONAL "Aprendendo, naturalmente!" #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Iniciamos Abril coa II Ruta Interxeneracional,

enmarcada no proxecto "Aprendendo, naturalmente!".

Convocamos a toda a comunidade educativa e calquera

outra persoa que desexou unirse. O tempo estaba algo nuboso

e caían unhas pequenas gotas de choiva. Pero tíñamos diante a

dous naturalistas, unhas eminencias, Antonio Martínez Pernas

e Rafael López Loureiro, votamos comezar a andaina,

non se podía desaproveitar a ocasión. Incluso comentouse que con

ese tempo, veríamos cousas que igual non se ollan nun día de sol.

Eles fixeran esa ruta unha semana antes e dixeran

que aínda reinaba a invernía na Fraga dos Casás.

Con paraugas e chuvasqueiros adentrámonos por unha senda de eucaliptos,

pasamos un pinar, para descobrer despois dun pedazo o que detrás se agochaba,

unha fermosa Fraga, que en tan só unha semana comezou a florecer.

Observamos a mapoula das fragas, Anemone,  súa saída indica o inicio da primavera.

Ollamos espárragos, castiñeiros... unha fraga limpa e verde.

Conversamos do uso que tivo noutros tempos, dos carboeiros

que recollían a madeira e a enterraban para queimar e converter en carbón natural,

a fraga non estaba soa naqueles tempos, senón que a xente realizaba moitas labores nela.

Hoxe eses coidados teñen que basearse en non intervir nela,

non levar nin traer especies, usar as sendas, mirar onde pisamos e ollar con atención.

Facer que permanezan. Esta é unha pequena mostra da Ruta da Fraga dos Casás.

Antonio Martínez Pernas identificou correctamente unha orquidea galega:

Ophrys kallaikia que era confundida por outra.

Podedes consultar o estudo con profundidade, clicando no nome científico.

Foi unha oportunidade marabillosa para conversar e resolver dúbidas,

in situ, con dous naturalistas estupendos!

Moitas gracias por espallar a vosa sabiduría!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DÍA DO NATURALISMO GALEGO - DÍA DE MARTÍN SARMIENTO #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Durante esta semana as e os pequenos naturalistas conmemoraron o Día do Naturalismo

e realizaron un un mini libro sobre a flora e a fauna da nosa contorna.

 

Agradecer a Rafael López Loureiro impulsor da iniciativa,

ao que hoxe queremos darlle voz a través deste blog,

na súa denuncia conxunta con outras asociacións sobre a planificación

de parques eólicos mariños no sector noroccidental de Iberia e o que isto

afectará as diferentes especies de aves mariñas que utilizan esta zona,

así como das aves terrestres que o atravesan nas súas migracións.

Para máis información podedes consultar algúns dos blogs:

- Ao noroeste do Noroeste

- Grupo Naturalista Hábitat

- Sociedade Galega de Historia Natural

Agradecer á infancia a recollida da semente, estamos certos que ha agromar!

 Engádese o mini libro en pdf para gozar quen o desexe do seu uso.

 

 

 

ÉTIMOS DE AVES E PAXAROS - RADIO EXPERIMENTAL - RADIO VOZ #Radionabiblio #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #FamiliasnaBE #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A nosa biblioteca foi seleccionada para recibir a visita de Radio Voz.

O alumnado de sexto recibe unha pequena charla formativa e posteriormente,

gravamos un programa de Étimos de aves e paxaros.

Programa enmarcado no proxecto "Aprendendo, naturalmente!" e emitido o

9 de marzo, Día do Naturalismo Galego, Día de Martín Sarmiento!

Quixemos alzar a nosa voz para facer valer a nosa lingua, a que falamos

a diario, a das nosas avoas e avós e por suposto aprender moito das aves

e paxariños, moitos deles que viven moitas aventuras nas súas migracións.

Agora ides escoitar o producto final, pero este tipo de actividades conlevan

un traballo laborioso.

 

Primeiro deseñouse en enviouse ás familias e coñecidos

unha pequena folla de recollida de información, dos étimos de nove aves e

da cultura popular referida a elas. O alumnado de sexto de primaria recolleu

as entrevistas e fixo un cadro centralizando as aportacións que se fixeron de

cada paxariño.

Posteriormente, buscaron información sobre a apariencia, canto, costumes de

cada un deles e a rexistraron. Con todos eses datos elabórase unha escaleta ao

que se adobía con poesías, recitados, ditos, refráns sobre estas aves e tendo moi

presente que estamos próximos á data de Rosalía de Castro e queremos adicarlle

a súa Alborada. Todos os niveis do centro saen representados neste adobío, que xunto

coas gravacións sobre étimos e características destes paxariños fan o programa

de radio que agora ides escoitar.  Será emitido por Radio Voz Ferrol, na frecuencia 105.4


 

Orgullo de cativada! Feliz Día do Naturalismo Galego! Parabéns Martín Sarmiento!


 

 Engadimos a escaleta e a bibliografía, por se é de interese.


PROXECTO "APRENDENDO, NATURALMENTE!" - DOCUMENTACIÓN #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O alumnado inmerso no proxecto acude á Biblioteca para buscar

información en libros e en diversos blog que ofrecen información fiable.

Podemos recomendar:

Ao noroeste do Noroeste de Rafael López Loureiro

Bichos e demais familia

Grupo Naturalista Hábitat

O arquivo científico Macaulaylibrary e SEO Birdlife.

E por suposto, unha manche de fondos que temos na biblioteca!

 

 

 

 

I RUTA INTERXENERACIONAL "Aprendendo, naturalmente!" #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este 4 de febreiro, convocada a comunidade educativa e a veciñanza,

tivemos o pracer de aprender paseando e escoitando nun entorno fermoso,

o da praia da Madalena e cun día que nos ofreceu a súa mellor luz.

Rafael López Loureiro e Álvaro Pérez Pérez amosáronnos moito máis do que contábamos ver.

Non era que esas plantas, aves, cunchas ou pisadas non estivesen antes,

é que moitas veces a nosa actitude non nos permite ollar como

se merece o mundo natural que nos arrodea.

Durante o percorrido, Álvaro e Calel foron sementando a ansia por facer medrar

o noso espírito naturalista e medio ambiental. Unha abundante rapazada cos seus

cadernos de campo (ferramenta básica) recolleu nomes científicos

e datos que ilustrou con debuxiños. Un orgullo de pequenas e pequenos naturalistas! 

Observamos e fotografamos plantas invasoras, falamos do vendabal e do noroeste, da paisaxe dunar,

dos loureiros, ollamos as dúas primeiras flores do inverno, saudounos unha garza, un bilurico bailón

aledounos co seu incesante movemento e vimos o susto dunha águia peixeira

ás  gaivotas que descansaban na ría. Puidemos admirar o eider común  que dende

hai cinco anos vén pasar o inverno a Cedeira, unha das marabillas da ría e ollamos

felgos que levan sobrevivindo 33 millóns de anos…falamos da Macaronesia.

De certo aprendemos!

Pero os nosos expertos incidiron en que o máis importante é o respecto e o coidado. 

Nun espazo no que convivimos todos habemos permitir que cada un teña o seu lugar

e o seu dereito a vivir, ollando e respectando sempre, sen coller as floriñas que teñen o seu

dereito a vivir ou sen espantar aos animais que descansan na nosa ría durante as súas longas viaxes.


Rafael Lòpez Loureiro, dende o seu blogue “Ao noroeste do noroeste” ten aberta a proposta de adicar

o día 9 de marzo (data do natalicio do Padre Martín Sarmiento) ao naturalismo galego,

proposta á que nos  adherimos nós tamén e que habemos celebrar como se merece:

APRENDENDO, NATURALMENTE!

 

 

 

 

 

Distribuir contido