Skip to main content

I RUTA INTERXENERACIONAL "Aprendendo, naturalmente!" #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este 4 de febreiro, convocada a comunidade educativa e a veciñanza,

tivemos o pracer de aprender paseando e escoitando nun entorno fermoso,

o da praia da Madalena e cun día que nos ofreceu a súa mellor luz.

Rafael López Loureiro e Álvaro Pérez Pérez amosáronnos moito máis do que contábamos ver.

Non era que esas plantas, aves, cunchas ou pisadas non estivesen antes,

é que moitas veces a nosa actitude non nos permite ollar como

se merece o mundo natural que nos arrodea.

Durante o percorrido, Álvaro e Calel foron sementando a ansia por facer medrar

o noso espírito naturalista e medio ambiental. Unha abundante rapazada cos seus

cadernos de campo (ferramenta básica) recolleu nomes científicos

e datos que ilustrou con debuxiños. Un orgullo de pequenas e pequenos naturalistas! 

Observamos e fotografamos plantas invasoras, falamos do vendabal e do noroeste, da paisaxe dunar,

dos loureiros, ollamos as dúas primeiras flores do inverno, saudounos unha garza, un bilurico bailón

aledounos co seu incesante movemento e vimos o susto dunha águia peixeira

ás  gaivotas que descansaban na ría. Puidemos admirar o eider común  que dende

hai cinco anos vén pasar o inverno a Cedeira, unha das marabillas da ría e ollamos

felgos que levan sobrevivindo 33 millóns de anos…falamos da Macaronesia.

De certo aprendemos!

Pero os nosos expertos incidiron en que o máis importante é o respecto e o coidado. 

Nun espazo no que convivimos todos habemos permitir que cada un teña o seu lugar

e o seu dereito a vivir, ollando e respectando sempre, sen coller as floriñas que teñen o seu

dereito a vivir ou sen espantar aos animais que descansan na nosa ría durante as súas longas viaxes.


Rafael Lòpez Loureiro, dende o seu blogue “Ao noroeste do noroeste” ten aberta a proposta de adicar

o día 9 de marzo (data do natalicio do Padre Martín Sarmiento) ao naturalismo galego,

proposta á que nos  adherimos nós tamén e que habemos celebrar como se merece:

APRENDENDO, NATURALMENTE!