O alumnado de Infantil goza dunha xornada na Biblioteca Pública de Ourense!
O pasado 10 de maio, os nenos e nenas de Educación Infantil do noso cole viviron unha experiencia inesquecíbel na Biblioteca Pública Provincial de Ourense. Co obxectivo de fomentar o amor pola lectura en tempo de lecer e familiarizalos co uso da biblioteca, o alumnado participou nunha completa xornada de formación de usuarios e animación á lectura.
Durante a visita, os cativos descubriron que os libros poden adoptar diferentes formas e tamaños, desde os clásicos libros encadernados ata aqueles con texturas, despregables, con movemento ou mesmo con sons. Esta experiencia sensorial espertou a súa curiosidade e convidounos a explorar o mundo da lectura dunha maneira máis interactiva e divertida.
A continuación, mergulláronse nunha máxica sesión de contacontos narrada cun kamishibai, un teatro de papel xaponés que utiliza láminas ilustradas para narrar historias. A narradora, coa súa voz expresiva e as imaxes cativadoras, transportou aos nenos e nenas a un mundo de fantasía e aventuras, espertando a súa imaxinación e fomentando a súa atención.
Para rematar a xornada, gozaron dun tempo libre para explorar os fondos da biblioteca. Entre estantes cheos de libros, quebracabezas, … puideron elixir os seus favoritos e gozar da lectura nun ambiente tranquilo e acolledor.
Esta xornada na Biblioteca Pública de Ourense foi unha experiencia enriquecedora para o alumnado de Educación Infantil, quen tivo a oportunidade de descubrir o pracer da lectura en tempo de lecer e familiarizarse cun espazo cultural tan importante como a biblioteca.
Unha experiencia que sen dúbida repetiremos!