Na última semana do mes de decembro realizamos o concurso de lectura sobre o libro “O fío vermello” que é unha obra conmovedora onde An Alfaya é capaz de dirixirse aos nenos de forma directa e intelixente. Unha obra onde pesan os sentimentos, onde cada personaxe está construído con precisión, onde non hai lugar para as concesións e onde os nenos manifestan os seus ideais e intelixencia de xeito rotundo.
Hai libros que se tecen coa intensidade dos sentimentos, que revolucionan o mundo dos nenos, que tinguen o universo de vermello. Iso é o que sucede con O fío vermello, de An Alfaya.
Sinopse:
Un día, Carlo decide illarse na terraza e non saír ata que os adultos que o rodean lle conten a verdade sobre o paradoiro do seu irmán Nicola. Fai xa moitos días que se foi e Carlo comeza a sospeitar que todo o que lle contaron sobre a súa marcha é mentira. Por iso comeza unha singular folga de silencio e illamento.
Elisabeta, unha compañeira de clase bastante calada , acompañará a Carlo no seu encerro. Xuntos descifrarán xeroglíficos numéricos, falarán de astronomía grazas ao caderno do bisavó Enrico e conversarán con Parda, unha tartaruga coa que se comunican mediante un idioma composto por números e sons. Pero hai outro elemento que tamén xogará un decisivo papel na historia: unha madeixa de perlé vermella que se irá desfacendo á vez que Carlo vai descubrindo a verdade sobre o paradoiro do seu irmán.
Na noite das Perseidas, Carlo e Elisabeta vivirán unha experiencia máxica que lles fará recuperar a esperanza sobre o regreso de Nicola e que lles fará comprender que hai cousas que as matemáticas e a lóxica non poden explicar.
Desta volta, igual que fixemos en concursos anteriores, a parella gañadora recibiu como agasallo un exemplar do libro que traballaremos nas próximas semanas na Hora de ler titulado “Herik y Harald, guerreros vikingos” de B. Évano.