UN MUNDO NUN MUSEO: TERCEIRO RETO DO MUSEO DE BELLAS ARTES en 2ºB

Partimos do cadro titulado Emigrante de Luís Seoane (1967):

Emigrante | Museo de Belas Artes da Coruña

Luís Seoane foi un dos creadores galegos máis destacados do século XX, con influenza e importancia internacional. Un home polifacético que ademáis de pintor traballará como gravador, muralista, periodista, editor, escritor e promotor dunha morea de iniciativas culturais, entre outras moitas cousas. En todas estas facetas Seoane mostrou ser un creador profundamente comprometido coa cultura e sociedade galega.

Seoane foi sen dúbida “un home de mundo”. Nado en Bos Aires en 1910 no seo dunha familia de emigrantes galegos pasará a súa infancia e primeira xuventude en Galicia; tendo que marchar novamente tras o estoupido da Guerra Civil, aínda que xa non como emigrante senon como exiliado. No seu exilio bonarense continuará loitando por Galicia e representándoa (as súas xentes, especialmente as mulleres, os seus traballos, os seus mitos…), moitas veces desde as lembranzas e a morriña. Fará unha arte atemporal, iconográfica, universal e, sobre todo, popular.

Boa parte da súa obra plástica vai ter un trasfondo de denuncia social; no caso da “Emigrante” dun xeito completamente claro. Neste cadro vemos representada unha muller cun cartaz pendurado no pescozo no que se pode ler: Elle s’apelle Manuela Rodríguez. Elle est analphabéte. Aidez-la. Genève 1963”. Seoane realizou este cadro motivado por unha historia real: a de Manuela Rodríguez. A través da súa correspondencia con amigos descubrimos que Luís Seoane coñeceu as vivenzas de Manuela a través dun artigo de prensa. Esta muller galega tivo que partir a Xenebra en busca dunha vida mellor; desubicada e seguramente alterada por un estado de confusión ou mesmo de ansiedade foi tomada por tola, unha persoa ponlle o cartaz no pescozo agardando que alguén a axude. A historia conmovería profundamente ao artista e o levaría a expresar o seu pesar a través do cadro.

Seoane denuncia aquí dúas problemáticas distintas: a emigración (unha constante na súa obra pero tamén unha situación que lle tocou vivir persoalmente) e o analfabetismo e a falta de cultura (moi presente todavía na sociedade galega e que afectaba especialmente ás mulleres).

A pesares de representar a unha vítima da sociedade, a muller amósase monumental e rotunda. Trátase de Manuela Rodríguez, unha persoa concreta cunha historia concreta; pero coa que Seoane quere representar a todas as mulleres, a todas as persoas que viven e viviron o problema da emigración.

Preséntanos o rostro de fronte e de perfil, nunha postura que parte do cubismo e que na súa sinteticidade pode lembrarnos tamén as obras da escultura románica. Evoca así a icona, o sintético, o símbolo.

No seu estilo característico, a cor e a liña parecen ir por camiños distintos. O cadro se compón con esas manchas de cor que logo son definidas coa liña. Esa liña (como noutros cadros seus do museo como As Mariscadoras) parece en ocasións que vai por libre, desaxustada do fondo, creando unha sensación de “disloque” das distintas partes da figura.

ACTIVIDADE 1. Investigando as nosas historias de emigración

O tema da emigración será unha constante na obra de Luís Seoane. Esta situación que sabemos afecta a tantísimas persoas no mundo, afectou enormemente aos galegos e galegas nos tempos de Seoane.

Que é a emigración? Coñeces a algunha persoa migrante?

Que diferencias hai entre emigrante, exiliado e refuxiado?

Unha persoa emigrante é un/unha “turista”?

Emigrante, exiliado e turista teñen en común que denominan a unha persoa que está fóra do seu país de orixe. Luís Seoane e a súa familia viviron estas tres realidades, pero teñen distintos significados.

- Un turista é alguén que está fóra do seu país por lecer

- Un emigrante é alguén que está fora do seu país por motivos económicos

- Un exiliado é alguén que está fóra do seu país por motivos políticos

Galicia é unha terra tradicionalmente emigrante. Desde finais do século XIX e o longo de todo o século XX miles de galegos e galegas emigraron a distintos lugares (especialmente Europa e América). Hoxe en día vivimos un enorme movemento migratorio; mais, na maior parte dos casos, trátase de inmigración (persoas que veñen a Galicia e a España desde outros países). Pensades que tratamos os emigrantes que veñen hoxe a vivir aquí do mesmo xeito que trataron os galegos e galegas que emigraron no pasado a outros lugares? O certo é que non todas as persoas nin en todos os lugares se está a tratar correctamente ás persoas migrantes; e o xeito no que se trata aos migrantes depende ás veces do lugar de onde veñen.

1. Investigaremos se na nosa familia hai algunha persoa que emigrou a algún país (se cadra eu mesmo ou ti mesma somos emigrantes). Onde emigraron os nosos familiares ou nós mesmos?

2. Nun mapa do mundo, deixaremos constancia dos lugares de procedencia ou de destino das vosas historias de emigración ou as historias dos vosos familiares. Podemos realizar unha pequena estatística dos lugares de orixe.

Cada estrela blanca con bordo vermello representa unha persona emigrada

ACTIVIDADE 2. Versionando a Emigrante de Seoane

Partindo das nosas propias historias de emigración/inmigración ou das historias dos nosos familiares, faremos unha versión da Emigrante de Seoane. Recolleremos a información precisa e escribiremos ou compartiremos a historia de emigración nosa familia. Despois, en poucas palabras, faremos unha versión propia do cadro de Seoane substituíndo a Manuela Rodríguez polo noso relato.

          

Powered by Drupal - Design by artinet