DÍA DAS ARTES GALEGAS en 1ºB, 1 de abril

A figura elixida para honrar o Día das Artes Galegas 2023 é Martín Codax o trobador galego que viviu na segunda metade do século XIII e comezos do XIV, e que posiblemente era de orixe viguesa. Con todo o que representa o seu legado é o persoeiro máis indicado para protagonizar un festexo que inaugurará a súa vertente musical. Aínda que nunca sobra enxalzar e difundir o seu labor, non é un artista sen predicamento na súa terra. Ao contrario, como voz senlleira da lírica medieval galego-portuguesa, a Real Academia Galega (RAG) xa lle dedicou, de maneira conxunta con Mendinho e Johan de Cangas, o Días das Letras Galegas de 1998 aos coñecidos como trobadores da ría de Vigo.

Os estudosos da lírica medieval sitúan a Codax con raíces en Vigo (ou moi relacionado con aquela vila mariñeira), sobre todo, por unha poderosa razón: o topónimo Vigo aparece mencionado ata en 21 ocasións nos 98 versos do cancioneiro. O certo é que pouco ou nada se sabe sobre el, a súa traxectoria ou as circunstancias cortesás nas que desenvolveu a súa creación e actividade, aínda que haxa milleiros de páxinas escritas sobre a súa produción poética e musical profana. O libreiro madrileño Pedro Vindel (1895-1921) atopou en 1914 un pergamiño envolvendo —a modo de encadernación— un códice do século XIV, unha peza de vitela na que se recollían unha serie de versos acompañados de notación musical, sete composicións cos textos literarios e os musicais (unicamente a sexta carece desas notacións). Tras varias transaccións, esta alfaia do patrimonio cultural galego acabou en 1977 en The Morgan Library & Museum. Non hai moito, no 2017, a institución neoiorquina cedeu o pergamiño Vindel para expoñer en Vigo, volvendo por un tempo ás súas terras.

Segundo explica a Ragbá, a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético. O monumental corpus medieval das cantigas galegas (máis de 2.100) ten unha dimensión histórica, cultural e identitaria que, aínda que ninguén o ignore, «posiblemente non se chega a ser plenamente consciente do seu verdadeiro alcance». Deixado a unha beira as Cantigas de Santa María de Afonso X, que se conciben como un todo en si mesmas, incide a Academia, as cantigas que se conservaban dos trobadores e xograres galegos carecían do texto musical correspondente. Por isto, a descuberta por parte de Vindel do pergamiño contendo a música de seis cantigas supuxo «unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional».

Levamos oito anos celebrando esta conmemoración homenaxeando a figuras como o Mestre Mateo, Maruxa Mallo, Castelao,  Domingo de Andrade, Alejandro de la Sota, Laxeiro e Luis Seoane e a Martín Códax este ano 2023.

E para traballar estes contidos empregamos unha unidade didáctica elaborado por mestres e mestras doutors centros que amosan moito interese polo noso (arquivo adxunto) e que grazas a este material coñecemos mais de preto a figura deste ano:

 

 

 

AdxuntoTamaño
UD-CODAX-ARTESGALEGAS23.pdf1.18 MB

Powered by Drupal - Design by artinet