TRABALLAMOS RELIXIÓN DESDE A CASA (VOLUNTARIO)

Un saúdo e saúde para todas as familias do alumnado do CEIP de Arzúa de parte da mestra de Relixión. Parece que esta semana puidemos ver unha pequena luz ao final do túnel ao permitir a saída dos nosos nenos e nenas durante unha hora para dar un paseo. Actividade moi lonxe do que é a saída habitual das nosas pequenas e pequenos para ir ao parque e xogar cos seus amigos e amigas; pero un pequeno avance cara ao que os expertos dan en chamar a nova normalidade.

Lembrade que as actividades de Relixión teñen carácter voluntario, e que non tedes que agobiarvos por facelas; a súa realización queda supeditada á vosa dispoñibilidade. Unha aperta e ánimos renovados para afrontar a nova situación.  

Para o alumnado de Relixión de 1º e 2º propóñolles unha actividade moi sinxela esta semana "Mirar ao seu redor". Que é o máis importante que vemos? Pois si, persoas. É certo que ás veces hai xente que coida máis e mellor das súas cousas que das persoas, pero a maioría, e estos días estámolo a vivir especialmente, pon aos demáis por riba de todo. Fixádevos sobre todo nos xestos de bondade que vedes ao voso redor: na familia, na rúa(se ides dar un paseo)...De todas estas persoas que nos rodean e que fan moitas cousas polos demáis, destacan especialmente as NAIS, e esta semana suxírovos que teñamos un recordo especial para elas porque o vindeiro domingo celebraremos o Día da Nai. Desde que nacemos, elas son as nosas coidadoras, quérennos sempre dun xeito incondicional e procuran sempre a nosa felicidade, aínda que lles supoña moitas veces un gran sacrificio. Por iso, a tarefa desta semana lla imos adicar a elas para darlle as GRAZAS polo seu amor.

Vouvos a dar dúas opcións, pero vós podedes, como sempre, adaptalas ás vosas condicións e á vosa creatividade:

1.Facer unha flor con mensaxes nos seus pétalos, para expresar neles os vosos sentimentos cara as vosas mamás.

2.Imprimir ou debuxar unha flor nun testo e poñer nel algunha dedicatoria, poema ou mensaxe para as vosas nais.


Lembrade que o correo para enviar as vosas tarefas é relixion@arzua.net

 

  

Powered by Drupal - Design by artinet