24 DE FEBREIRO-DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Estivemos, durante unha semana, facendo diversas actividades arredor da figura desta escritora emblemática.

O mural colectivo reflicte ese pensamento libre de Rosalía para enxalzar o patrimonio cultural da súa terra. Repartimos poemas entre todas as titorías e cada unha escribiu uns versos dun poema de Rosalía dentro da silueta dunha bolboreta, que despois ilustrou. 

Aquí tedes o resultado!!

Nalgunhas aulas, o alumnado elaborou a súa propia portada do libro "Cantares Gallegos".

                 

 

O 22 de febreiro reunímonos todas e todos para homenaxear a Rosalía, no salón de actos do colexio. Comezamos visionando un vídeo dos Bolechas, que fai un repaso dalgúns dos seus poemas.

Despois foi subindo ao escenario unha representación de cada titoría, para ler distintos poemas da escritora: "Has de cantar", "Imos bebendo", "Campanas de Bastabales", "Vente rapasa", "Airiños, airiños, aires", "Como chove miudiño"...

   

  

                    

                     

Sumámonos á iniciativa que puxo en marcha a Fundación Rosalía de Castro: "Caldo de Gloria", inspirada no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Cando chega á súa casa mollada e esfameada consegue facer un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz. 

O alumnado de 5ºB fixo a lectura deste poema "Miña casiña, meu lar", porque o CEIP de Arzúa tamén serviu neste día caldo no seu menú, para homenaxear a Rosalía de Castro. 

 

E para rematar, todas e todos cantamos "Adiós ríos, adiós fontes", coa axuda de Lois, José Luis e as súas guitarras.

 

O 25 de febreiro, o alumnado de E. Infantil- 5 anos, 1º e 2º de E. Primaria acudirán ás 11:30h á Casa da Cultura de Arzúa para escoitar os poemas musicados de Rosalía de Castro, interpretados pola cantante galega Uxía. 

Powered by Drupal - Design by artinet