GALA ENTREGA PREMIOS FIC

Hoxe foi un día moi especial para o alumnado de 2ºB, pois se celebrou a Gala Escolas do FIC, festival ao que estabamos nominados como finalistas pola curta elaborada o curso pasado "Dona Landra no Río Revolto"

Erguémonos moi cedo e, dende o Concello, camiñamos xuntos ata o Centro Social do Mar, onde nos agardaba unha alfombra preciosa elaborada pola "Asociación de alfombristas de Bueu".

Unha vez situados no patio de butacas, comezou a gala coa proxección dun anaco de todas as curtas finalistas e de seguido o xurado subiu ao escenario para comezar a entrega de premios. Que nervios e que alegría sentimos cando nos dixeron que gañara a nosa curta!!!

Subimos todos ao escenario para recoller o premio, consistente nun lote de libros de Kalandraka, o galardón do festival e un trípode para gravar con máis calidade a nosa seguinte curtametraxe!

A continuación proxectaron as curtas gañadoras e sentímonos moi importantes ao ver a nosa película proxectada nunha pantalla de cine e diante de tanto público.

Despois saímos un ratiño á rúa a merendar e xogar un pouco.

Cando volvemos entrar, xa estaba no escenario o grupo Carpervek que nos falou do cine mudo e a importancia da música no cine. Incluso puidemos experimentar interpretando a banda sonora dalgunhas curtametraxes antigas.

Foi unha xornada incrible, pasámolo tan ben que xa estamos pensando na nosa seguinte producción!!!

Se queredes ver a gala completa, premede nesta imaxe.