DÍA DA MULLER TRABALLADORA: CHARLA DE GLORIA
O alumnado de 4º de E. Primaria celebrou o Día da muller traballadora recibindo a visita de Gloria, bisavoa de Sara de 4ºA.
Gloria falounos como foron os seus primeiros anos de vida nunha casa propiedade de Massó en Cangas. Alí vivían moitas familias das obreiras e obreiros da fábrica e alí mesmo ía a escola. Lembra eses anos como moi felices.
Contounos que con só 14 anos, e sen o consentimento dos seus país , empezou a traballar na conserveira. Primeiro empezou dando servicio ás mulleres máis expertas. Despois pasou a traballar na máquina que lavaba as latas.
Díxonos que, como vivía moi cerca da zona do peirao de descarga, podían petar na súa porta a calquera hora de madrugada, cando os barcos chegaban, para que lle botasen o sal ao peixe.
Lembrou algunha inxustiza, como cando unha vez tras facer máis de 50 horas extra esperaba cobrar o seu primeiro billete de mil pesetas e que só cobrou a metade.
É unha muller de enerxía inesgotable, pois tras deixar a fábrica traballou cóbado a cóbado co seu home nunha empresa familiar de pintura e decoración. Nada se lle puxo por diante. Coidou, a súa vez, das súas fillas, netos e agora xa das súas bisnetas.
UN PRACER ESCOITARTE GLORIA! MOITÍSIMAS GRAZAS!