CHARLA SOBRE VACINAS E ANTIBIÓTICOS
O alumnado de cuarto estamos iniciando un novo proxecto sobre A SAÚDE.
Hoxe, tivemos a sorte de recibir no noso colexio a visita de Caro e Tere, estudantes de medicina. Viñéronnos falar sobre as VACINAS e os ANTIBIÓTICOS.
A primeira en expoñer foi Tere, que nos falou, primeiramente, das enfermidades infecciosas e do noso sistema inmune. Referiuse ás medidas preventivas, como lavarse as mans, espirrar poñendo o cóbado, ou illarse cando se está enfermo para non contaxiar. Despois foi directamente ao tema das vacinas. Co calendario de vacinación diante de nós, foinos explicando os diferentes tipos de vacinas e por que unhas se poñen antes ou despois, ou por que algunhas se repiten varias veces. Foi contundente á hora de resaltar a importancia de vacinarse.
Foi logo a quenda de Caro, que nos contou para que se usan os antibióticos. Explicounos que só están destinados a combater as bacterias e que non se poden utilizar en casos de infeccións provocadas por virus. Púxose moi seria cando relatou que moitas enfermidades están sendo resistentes aos antibióticos, debido ao mal uso que se fai deles. Foi contundente cando nos dixo que tiñamos que seguir estritamente as instrucións das médicas e médicos. Os antibióticos hai que tomalos os días que nos marcan e nas horas sinaladas.
Esta é a presentación da charla, que nos vai servir para non esquecer todo o que aprendemos.
MOITAS GRAZAS CHICAS!