ENCONTRO CON CIENTÍFICOS

O último día do mes de maio e para rematar o proxecto sobre as abellas que o alumnado de 2º de primaria traballou neste curso gozou, na biblioteca da escola, da visita de dous científicos do departamento de Ciencias da Vida e Ecoloxía da universidade de Alcalá de Henares, José Manuel Fernández Pereira e Salvador Rebollo de la Torre.

Compartiron co alumnado o proxecto de investigación no que están a traballar. Contáronlle que levan estudando dende hai anos como a ave rapaz “abejero europeo” actúa como depredadora dos panais das avespas asiáticas.

Salva e Jose expresáronse cunha linguaxe moi cercana, didáctica  e motivadora xa que souberon manter a atención e a curiosidade do alumnado durante moito tempo. Ademais, viñeron cheos de materiais que empregan nas saídas ao campo para amosarllos ao alumnado: cámaras, traxes, chips e mesmo un niño xigante de velutina e un bufo trampa.

Tamén, insistiron no importantísimo que é para a ciencia a realización do traballo en equipo e de que este estea formado por persoas de xénero diferente.

Ao terminar a charla, os nenos e nenas manifestaron as súas opinións expresando que aprenderan moitas cousas e que estivera moi interesante. Tanto é así, que algúns dicían que de grandes ían ser científicos.

A modo de conclusión, comentar que unha nena resumiu o encontro con Jose e Salva deste xeito: “Os científicos sempre se están facendo preguntas e se responden con outra pregunta”

 

Moitas grazas equipo por compartir con noso alumnado o voso proxecto!

Aquí queda algunha foto da xornada.