Dinamización biblioteca

LGTTTBIQ

 

Un ano máis celebramos no centro o Día Internacional do Orgullo LGTB con actividades que axudan a fomentar o respecto polas diferentes identidades de xénero existentes e en moitos casos reprimidas.

Aproveitamos os días solleiros para rematar de pintar as vallas exteriores  e repasar as que xa estaban, fixemos un obradoiro de pulseiras coas cores da bandeira LGTB, tivemos un "probador" cun montón de roupa que puidemos poñer libremente sen analizar se a prenda era "masculina ou feminina" e que tivo moitísimo éxito e seleccionamos varios títulos de libros do fondo da biblioteca e que o alumnado puido ler nas aulas, no patio ou levar a casa.

 

 

17 de Maio

DÍA DAS NOSAS LETRAS

Este ano, o Día das Letras está adicado á figura de Luisa Villalta e nas aulas estivemos aprendendo moito sobre a súa vida e sobre todo, as cousas que fixo a prol da nosa lingua.

Traballamos as letras con este pasapalabra tan maravilloso que idearon as compañeiras do departamento de dinamización da Lingua Galega e aprendemos unha chea de vocabulario novo que non coñeciamos!!

 

OS MAIOS

 

    MAIÑO MAIO

         Os maios celebran a chegada da primavera e era tradicional colocar unha ramiña de xesta nas embarcacións, nas portas das casas, nos carros e arados (agora nos coches). En Galicia teñen moita tradición ainda que en algúns lugares foron desaparecendo.

         Este curso quixemos recuperar esta tradición recollendo flores e formando un gran maio que colocamos no centro da pista e creando cantigas para logo interpretalas arredor del.

         O alumnado aprendeu a enfiar as flores, fiúnchos e bugallos para así formar as grilandas que despois se colocaron no maio.

 

 

23 de abril

DÍA DO LIBRO 2024

 

 

Un ano máis conmemoramos o Día Mundial do Libro e os dereitos de autor coa realización de diversas actividades relacionadas cos libros e a lectura: Realización de chapas, apadriñamento lector, contacontos na biblioteca, obradoiros de marcapáxinas...

Dende a biblioteca do cole, o noso amigo Merlín convída a todos e todas a escoller un libro e disfrutalo con todos os sentidos: mirar os debuxos (se os ten), tocalo, arrecendelo, saborear as historias que conta e escoitar o son das páxinas ao pasar.

Animádevos a ilustrar, a contar, a ler... 

                 

 

 

 

BO NADAL

 

Mouchiños e Mouchiñas! Toda a familia do Ceip Ana María Diéguez deséxanvos unhas Felices Festas de Nadal. 

Tivemos unhas semanas moi intensas de ensaios, elaboración de postais, composición do calendario para o novo curso... E todo saíu fantástico! 

Renovade as vosas ideas durante estes días de descanso con lecturas interesantes que podedes atopar nas recomendacións lectoras 

Non deixedes de ler!

25 N

ABRIMOS OS OLLOS FRONTE A VIOLENCIA MACHISTA

Un ano máis o noso centro únese á campaña de sensibilización contra a violencia de xénero con actividades nas aulas, charlas... para finalizar coa lectura dun manifesto por parte do alumnado de 6º e a actuación do grupo Música Miúda. 

No noso centro abriremos ben os ollos todos os días!!

 

A CIDADE VIOLETA

Todos somos diferentes, cada un co seu caracter, porque que aburrido sería que fosemos todos iguais, non? O mesmo aspecto, os mesmos gustos... Pero se es Anxo Fariña entón seguro que non nos importaría nada!!

Hoxe estivo no noso cole coa Cidade Violeta falando de igualdade, porque o mesmo coidas un meniño se es home coma se es muller; ou conduces un camión (tendo o carné, claro!); ou preparas o xantar...  E tanto debemos compartir as lambetadas como fregar os pratos.

Aprendemos moitos trucos para que os nosos debuxos expresen mellor as emocións e tamén que temos que mirar con outros ollos xa que as cousas non sempre se ven iguais.

 

 

Visita de Maite Mosconi

 

Super agradecidos estamos no cole pola visita que tivemos o venres 10 de novembro. 

Maite Mosconi estivo con todo o alumnado e contounos unha chea de lendas que aprendeu da súa avoa e que forman parte da súa obra. 

Esta escritora rianxeira (de Asados) ten publicados varios libros de temática fantástica e onde a mitoloxía en xeral e a galega en particular ten moita importancia.

O libro "Guerreiras de lenda" escrito xunto a Miriam Beizana, convida a investigar, descubrir e disfrutar co mundo das lendas e da mitoloxía. Lavandeiras, mouras, castelos encantados...

Moitas grazas Maite!!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS 2023

"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua pemítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
O MANIFESTO deste ano ten o título de "Sementeiras de curiosidade científica", escrito por Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas e Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Chegamos ao mes de novembro e con el a ciencia á biblioteca e ás aulas. 

Presentamos unha pequena selección de libros científicos que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a investigar e experimentar nas aulas ou nas vosas casas. 

Atrevédevos a realizar diferentes experimentos, liberade a vosa curiosidade. Aqui vos deixamos algúnha páxina onde atoparedes distintos recursos relacionados coa ciencia.

Xogos científicos

Ciencia divertida

Ciencia en galego