Dinamización da lingua galega

LGTTTBIQ

 

Un ano máis celebramos no centro o Día Internacional do Orgullo LGTB con actividades que axudan a fomentar o respecto polas diferentes identidades de xénero existentes e en moitos casos reprimidas.

Aproveitamos os días solleiros para rematar de pintar as vallas exteriores  e repasar as que xa estaban, fixemos un obradoiro de pulseiras coas cores da bandeira LGTB, tivemos un "probador" cun montón de roupa que puidemos poñer libremente sen analizar se a prenda era "masculina ou feminina" e que tivo moitísimo éxito e seleccionamos varios títulos de libros do fondo da biblioteca e que o alumnado puido ler nas aulas, no patio ou levar a casa.

 

 

17 de Maio

DÍA DAS NOSAS LETRAS

Este ano, o Día das Letras está adicado á figura de Luisa Villalta e nas aulas estivemos aprendendo moito sobre a súa vida e sobre todo, as cousas que fixo a prol da nosa lingua.

Traballamos as letras con este pasapalabra tan maravilloso que idearon as compañeiras do departamento de dinamización da Lingua Galega e aprendemos unha chea de vocabulario novo que non coñeciamos!!

 

OS MAIOS

 

    MAIÑO MAIO

         Os maios celebran a chegada da primavera e era tradicional colocar unha ramiña de xesta nas embarcacións, nas portas das casas, nos carros e arados (agora nos coches). En Galicia teñen moita tradición ainda que en algúns lugares foron desaparecendo.

         Este curso quixemos recuperar esta tradición recollendo flores e formando un gran maio que colocamos no centro da pista e creando cantigas para logo interpretalas arredor del.

         O alumnado aprendeu a enfiar as flores, fiúnchos e bugallos para así formar as grilandas que despois se colocaron no maio.

 

 

BO NADAL

 

Mouchiños e Mouchiñas! Toda a familia do Ceip Ana María Diéguez deséxanvos unhas Felices Festas de Nadal. 

Tivemos unhas semanas moi intensas de ensaios, elaboración de postais, composición do calendario para o novo curso... E todo saíu fantástico! 

Renovade as vosas ideas durante estes días de descanso con lecturas interesantes que podedes atopar nas recomendacións lectoras 

Non deixedes de ler!

A CIDADE VIOLETA

Todos somos diferentes, cada un co seu caracter, porque que aburrido sería que fosemos todos iguais, non? O mesmo aspecto, os mesmos gustos... Pero se es Anxo Fariña entón seguro que non nos importaría nada!!

Hoxe estivo no noso cole coa Cidade Violeta falando de igualdade, porque o mesmo coidas un meniño se es home coma se es muller; ou conduces un camión (tendo o carné, claro!); ou preparas o xantar...  E tanto debemos compartir as lambetadas como fregar os pratos.

Aprendemos moitos trucos para que os nosos debuxos expresen mellor as emocións e tamén que temos que mirar con outros ollos xa que as cousas non sempre se ven iguais.

 

 

Visita de Maite Mosconi

 

Super agradecidos estamos no cole pola visita que tivemos o venres 10 de novembro. 

Maite Mosconi estivo con todo o alumnado e contounos unha chea de lendas que aprendeu da súa avoa e que forman parte da súa obra. 

Esta escritora rianxeira (de Asados) ten publicados varios libros de temática fantástica e onde a mitoloxía en xeral e a galega en particular ten moita importancia.

O libro "Guerreiras de lenda" escrito xunto a Miriam Beizana, convida a investigar, descubrir e disfrutar co mundo das lendas e da mitoloxía. Lavandeiras, mouras, castelos encantados...

Moitas grazas Maite!!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS 2023

"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua pemítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
O MANIFESTO deste ano ten o título de "Sementeiras de curiosidade científica", escrito por Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas e Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Chegamos ao mes de novembro e con el a ciencia á biblioteca e ás aulas. 

Presentamos unha pequena selección de libros científicos que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a investigar e experimentar nas aulas ou nas vosas casas. 

Atrevédevos a realizar diferentes experimentos, liberade a vosa curiosidade. Aqui vos deixamos algúnha páxina onde atoparedes distintos recursos relacionados coa ciencia.

Xogos científicos

Ciencia divertida

Ciencia en galego

 

SAMAÍN 2023

     E un ano máis investigando e aprendendo sobre a nosa cultura, as nosas tradicións. Lendas galegas que se transmitiron durante xeracións e que temos a obriga de continuar transmitindo para que non se esquenzan, para que todos os nenos e nenas as coñezan.  

Se queres ver as fotos e videos que realizamos deste día, preme no seguinte enlace:  Samaín

 

SAMAÍN


 Achégase o Samaín, festividade de orixe celta que celebra na noite do 31 de outubro a fin da tempada de colleitas e fin do verán e o inicio da tempada escura.

Ademais era o momento no que as fronteiras entre o mundo dos vivos e o dos mortos están máis preto. Podían comunicarse e visitar os seus fogares. O costume era deixar comida e doces fóra das casas e candeas acesas para axudar as almas dos mortos a atopar o camiño ao mundo espiritual.

Durante estes días e sobre todo o 31, realizaremos actividades relacionadas con esta celebración: aprenderemos o significado das cabazas, tallaremos e decoraremos unha en cada aula, leremos contos terroríficos, faremos obradoiros...

 

DÍA DE ROSALÍA

                      

 Un ano máis conmemoramos o nacemento de Rosalía de Castro o 23 de febreiro compartindo co alumnado propostas de actividades de diferentes organismos e  asociacións coas que pretendemos coñecer un pouco máis a vida e obra da autora.

Algúns alumnos e alumnas de 5º curso de primaria, quixeron aportar a súa visión da autora cuns orixinais e fermosísimos debuxos que non podemos deixar de compartir neste espazo. 

         A AELG ademais,  propón dende 2010 á cidadanía que agasalle cun   libro en galego e unha flor ás amizades e seres queridos.

         O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza e Carme Adán a persoa escollida para a realización do manifesto que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres.

#rdc_2023#cumpriuseaxustiza