Saltar navegación

Xéneros Galegos: os romances

Que son os romances?

Os romances pertencen ao tipo narrativo e adoitan ter ritmo medido. O máis destacado neles é a letra, de xeito que non soen presentar música propia, senón distinta segundo a zona na que se interpretan. As variantes son moi habituais, igual que é corrente atopar diferentes romances interpretados coa mesma música. As recollidas realizadas demostran que non son numerosos os que manteñen música fixa.[1]

As variedades do romance dependen da letra, en canto á rima e métrica, de temática e da música, se ben estes aspectos non se dan por separado.

As melodías vellas poden presentar ámbito estreito ou verbos hexasílabos sobre o esquema catro corcheas dúas negras (como Camiña dos Sancho). No referido á temática atopamos romances vellos (con mencións a cabaleiros, mouras, condes...), novos (temáticas actuais) e infantís. Tamén hai de sucesos, crimes, históricos, picarescas...[2]Outras clasificacións atenden ao seu carácter histórico, de cautivos e forzados, do ciclo carolíngeo, do ciclo bretón e libros de cabalerías, novelescos de asunto internacional, novelescos de asunto peninsular, novelescos de asunto rexional e romances líricos.[3]

No se que refire á estrofa son habituais as estruturas de catro versos hexasílabos ou octosílabos con rima asonante ou consonante entre pares quedando soltos os impares.

[1] Schubarth, Dorothé e Antón Santamarina. Cancioneiro popular galego, vol. 1-7, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982-1995.

[2] Rivas Cruz, Xosé Lois «Mini» e Baldomero Iglesias Dobariño «Mero». Cantos, coplas e Romances de Cego, 1- 2, Lugo: Ophiusa, 1999.

[3] Sampedro y Folgar, Casto. Cancionero musical de Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982.