Saltar navegación

Lectura 2: As literatas

 

En 1865 Rosalía de Castro publicou nun xornal “As literatas. Carta a Eduarda”. Tratábase dunha carta que unha muller escritora envía a unha amiga. Aínda que os personaxes e a carta son inventados, o que na carta se escribe tiña moito a ver coas dificultades que atravesaba unha muller que pretendía, como Rosalía, vivir da escritura.

“Ti non sabes o que é ser escritora (...) pola rúa sinálante constantemente, e non para ben, e en todas partes murmuran de ti. Se (...) falas de algo do que sabes, (...) din que te escoitas a ti mesma, que o queres saber todo. Se gardas unha prudente reserva, que fatua!, que orgullosa! (...). Se vas de modesta (...), onde está o teu talento? Nin sequera sabes entreter á xente cunha amena conversación. (...) As mulleres poñen en relevo até o máis escondido dos teus defectos e os homes non cesan de dicirche sempre que poden que unha muller de talento é unha verdadeira calamidade (...) e que só unha parva pode facer a felicidade dun home.
Sobre todo os que escriben e téñense por graciosos, non deixan pasar nunca a ocasión de dicirche que as mulleres deben deixar a pluma e repasar os calcetíns dos seus maridos, se o teñen, e se non, aínda que sexan os do criado. Cousa fácil era para algunhas abrir o armario e plantarlle diante dos narices os zurcidos pacientemente traballados, para probarlle que o escribir algunhas páxinas non lle fai a todas esquecerse dos seus quefaceres domésticos (...).
Polo que a min respecta, dise decote que o meu marido traballa sen cesar para me facer inmortal. Versos, prosa, bo ou malo, todo é seu, pero, sobre todo, o que lles parece menos malo (...) Penosa tarefa, por certo, a do meu marido que custándolle aínda traballo escribir para si (...), ten que facer ademais os libros da súa muller (...).
Como crer que ela poida escribir tales cousas? Unha muller que ven todos os días (...) pode discorrer e escribir cousas que a eles non se lles pasaron nunca pola mente, e iso que estudaron e saben filosofía, leis, retórica e poética? Imposible (...). Se sequera nacese en Francia ou en Madrid! Pero aquí mesmo? Oh!”

  1. A que debe adicarse unha muller segundo o texto?
  2. Que sucedía, segundo o texto, cando unha muller non se axusta ao rol que lle asignaba a sociedade do século XIX?
  3. Segue a suceder isto mesmo na actualidade, na túa opinión?
  4. Que outras mulleres contemporáneas a Rosalía enfrontaron problemas semellantes? Como loitaron contra esta situación?
  5. Que significa a última afirmación do texto, que se pon en boca dos homes: «Se sequera nacese en Francia ou en Madrid!»?